A arte entra pola xanela na tenda “efémera” Sétima Feira”

O artista Borxa Guerrero fixo unha intervención na tenda “efémera” aberta ao abeiro da Sétima Feira sumándose a unha iniciativa que xira ao redor da creatividade e que ten como obxectivo favorecer o encontro de deseñadores de Galiza e manter aberta unha vía de comercialización das súas creacións. A iniciativa é froito da colaboración da Concellería de Promoción Económica e da Cidade e da Escola de Deseño e Moda de Pontevedra.

A espera de que rematen as festas de verán, na tenda “efémera” están a traballar nun programa de actividades co fin de dinamizala e convidar á xente a achegarse a un espazo comercial alternativo e que estará aberto durante as “vacacións” da Sétima Feira. Até o 4 de outubro.

Olalla Osorio, unha das deseñadoras da tenda “efémera”, avanza que haberá un obradoiro de kokedamas e contacontos infantís e que están a traballar na organización dun concerto que despida á tenda e dea a benvida a nova tempada da Sétima Feira.

A tenda “efémera” está na rúa Alhóndiga (detrás do vello Concello) e ten o seguinte horario: de 12.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

Son dez as propostas que podes atopar en este espazo: DCL, wood projects; Tom & Boy; Black Whale Projet; Abi Castillo; Leónlagata; Trigo; Green Wall Gardens; Supervillano; Doppiache e Xiro, Atlantic Denim.

Cando van quince días dende a apertura da tenda “efémera, Olalla Osorio fai un balance positivo da experiencia. Hai interese, a xente sínte curiosidade pola variada, distinta e orixinal oferta que teñen e compra. O feito de esfar en festas, o turismo e a súa ubicación son factores que están a xogar a prol xa que son moitos os visitantes que entran pola porta.