A música electrónica protagonista da primeira presentación de Pontevedra ten un Puntazo

Achegar á cidadanía e dar visibilidade a proxectos empresariais innovadores é o obxectivo das presentacións do programa “Pontevedra ten un Puntazo” que hoxe arrincou na Casa da Luz. Así o quixo deixar patente Ana Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, quen subliñou o papel que “o sector cultural e as novas empresas están a desempeñar como axente de cambio do modelo de cidade”.

 

O selo musical Certain Music Records foi o encargado de inaugurar este ciclo e de converter á música electrónica na protagonista absoluta da tarde-noite. Os asistentes puideron coñecer en primeira persoa cal é o proceso de creación dunha discográfica da man de José González “Malaguita”, fundador deste selo pontevedrés. Malaguita destacou que “estamos felices porque a pesar da súa curta vida, Certain Music está recollendo tan boas críticas e esgotando a totalidade das copias da nosa primeira referencia musical”.

Por outra banda, a artista lucense Annita Rivera, ”Plástica”, recoñecida no mundo da música electrónica por traballar con artistas internacionais como Jeff Mills e polos seus deseños para vinilos en selos independentes, afondou na importancia da integración do deseño na música electrónica, sobre todo a través das portadas dos discos.

O punto final da noite púxoo unha sesión a vinilos por profesionais de Certain Music, que encheu a Casa da Luz do mellor da música electrónica.

Todos os interesados en achegarse a coñecer máis de preto o traballo deste selo pontevedrés aínda teñen a posibilidade de visitar a exposición de portadas de discos e táboas de skate deseñadas por Plástica, Trinidad Tatoo, You_el, NiN9 Estencil, que acolle a planta baixa da Casa da Luz ata o domingo.

“Pontevedra ten un Puntazo” é unha iniciativa posta en marcha polas concellarías de Promoción da Cidade e Cultura, para promover a visibilidade de empresas creativas e proxectos innovadores que se están a desenvolver na cidade