Acollemos o Campionato Nacional de Baristas

Pontevedra converterase os días 11, 12, 13 e 14 de maio na capital do café, grazas á celebración do Spain Coffee Festival, organizado pola SCA (Speciality Coffee Association) co fin de promover a cultura do café entre públicos tan diversos como tostadores de café, profesionais do sector hostaleiro e público amante desta bebida, a segunda máis consumida no mundo.

O obxectivo é dotar de coñecementos, habilidades e criterio aos distintos públicos. Aos tostadores de café, para que coñezan e se conciencien das diferentes calidades que existen no café; aos profesionais do sector da hostalería, para que poidan formarse acerca das formas axeitadas de preparación para lograr un café de calidade; e ao público xeral, para que saiba valorar, apreciar e solicitar un bo café nos locais hostaleiros ou para preparar un café de calidade na casa.

Baristas profesionais, catadores, tostadores de café, especialistas en latte art e afeccionados daranse cita neste evento que ofrecerá, ademais, a cuarta edición do Festival de Cafés Especiais SCA e os Campionatos Nacionais de Especialidade nas modalidades de Barista, Latte Art, Brewer, Toste, Cata e Coffee in Good Spirits. Pontevedra será así a sede das probas para elixir os finalistas estatais que acudirán aos campionatos mundiais.

Aprender como se prepara un bo café, a arte da crema e as súas figuras, tipos de café e as súas distintas mesturas son só algunhas das actividades que os visitantes poderán descubrir durante os catro días que durará o Spain Coffee Festival. Haberá tamén stands con firmas expositoras de todos os ámbitos do café de calidade en España, degustacións de diferentes cafés, talleres, coloquios, demostracións e, por suposto, as distintas modalidades de campionatos que serán abertos ao público, o que supón unha gran oportunidade formativa para os profesionais locais e un espectáculo moi visual e de gran interese para o público xeral.

SCA España

CA España representa á Specialty Coffee Association neste país, unha asociación que agrupa desde baristas a produtores pasando por todos os demais profesionais que interveñen na cadea do café de especialidade. Esta agrupación está baseada na inclusión, calidade e coñecemento como valores principais para agrupar aos diferentes sectores que traballan o café con estes principios.

SCA é a única institución internacional que ofrece un programa de educación regulado de café, con diferentes módulos que abarcan desde barista a catador, pasando por tostador, café verde ou brewing. Os formadores autorizados por SCA (Authorised Barista Trainers ou ASTs) están repartidos por todo o mundo impartindo cursos e certificando a todo aquel que quere aprender e que a súa formación sexa recoñecida internacionalmente.

cartel-sca_42x60_gal-1