Amplíase o prazo para presentar ideas a Espazo Creactivo

A convocatoria Espazo CreActivo amplía o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de abril, co obxectivo de dar máis tempo aos participantes para definir a súa idea.

Nas últimas semanas foron numerosas as visitas ao edificio, posibilidade aberta polo Concello para que os interesados puidesen adaptar os seu proxectos ao espazo, pero tamén para inspirar o enfoque das súas propostas.

Algunhas delas foron xa presentadas no site do Concello, dentro do apartado de Promoción Económica (http://www.pontevedra.gal/areas/promocion-economica/espazo-creactivo/). O canal de presentación das solicitudes é, polo tanto, telemático para facilitar a participación, e consiste nunha presentación xeral da idea, xa que o seu desenvolvemento de cara á implementación corresponderá a unha fase posterior da convocatoria. Os participantes deberán identificar a todos os membros do equipo, presentar a súa proposta e a xustificación da mesma, sendo posíbel tanto a aportación individual como en grupo.

A Convocatoria Espazo CreActivo é unha iniciativa da Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; unha convocatoria de ideas que nace co obxectivo de unir e enriquecer aos participantes e ao tecido emprendedor da propia cidade.

Este proxecto ten como finalidade adecuar e dotar de contidos ao edificio de propiedade municipal, sito en Santa Clara número 4, como espazo multidisciplinar. Para isto, búscase a participación e implicación do alumnado do Campus de Pontevedra, podendo participar na convocatoria tanto alumnas/os de Grao como de Posgrado.

Terán cabida as ideas orientadas á reutilización, embelecemento do espazo e dotación de contidos e actividades. Existindo estas tres categorías ás que o alumnado poderá presentar as súas propostas: comunicación e identidade gráfica do espazo; humanización e reorganización dos espazos comúns e un apartado xeral de contidos creativos.

As ideas participantes na convocatoria serán valoradas por un xurado independente. A selección destas irá en función da súa orixinalidade e da súa viabilidade técnica e económica. As/os creadoras/es dos proxectos gañadores optarán a posibilidade de implantar as súas ideas e recibirán unha dotación económica de 500€.

Os proxectos resultantes serán levados a cabo polos gañadores da man dunha serie de  empresas seleccionadas polo Concello de Pontevedra, polo que a cada proxecto e a cada idea asignaráselle un profesional no ámbito para que coordine o proceso de implantación.

Para máis información sobre a convocatoria, o Concello pon a disposición das/os interesadas/os o seguinte correo electrónico: espazocreactivo@pontevedra.gal, no que tamén se poderán realizar solicitudes de visita ao edificio.