Cinema, música e arte no 1º aniversario de Pontevedra ten Puntazo

O programa Pontevedra ten un Puntazo, posto en marcha polas concellerías de Promoción de Cidade e Cultura, cumpre o seu primeiro ano de vida e para conmemoralo ten preparado un encontro na Casa da Luz onde o cinema, a música e a arte serán os protagonistas centrais.

Mañá 18 de novembro, ás 20.00 horas, horas será a quenda de Matriuska Produccións, produtora local que leva facendo cinema dende 2005 cunha clara aposta polo talento de novos creadores e o cinema de autor. Aproveitarán esta ocasión para presentar o seu proxecto empresarial, así como para facer un percorrido pola súa cinematografía e os novos traballos que están a desenvolver.

Fai un ano a tenda Playground, proxecto de Jose González “Malaguita”, foi a encargada de inaugurar o ciclo de presentacións dentro do programa “Pontevedra ten un Puntazo” e volta agora para conmemorar o seu aniversario. Nesta ocasión chegan da súa man a Pontevedra dúas exposicións dos artistas multidisciplinares Maurix e NIN9 que se poderán visitar na Casa da Luz ata o vindeiro 25 de novembro.

Maurix, artista nado en Pontevedra e residente en Madrid dende hai anos, exerce a súa profesión como Director de Arte e deseñador gráfico para empresas da relevancia de Zara, RedBull e David Delfín entre outras. Para esta exposición realizou una peza central exclusiva de canvas pintada a man que se complementará con máis formatos co 13 coma motivo principal pola súa especial vinculación co número e porque son os anos que cumpre a tenda Playground. Estará acompañado na exposición do artista multidisciplinar NIN9 que traerá unha mostra de plantillas nas que combina diferentes técnicas e texturas.

A música correrá a cargo do selo local Certain Music que presentará en directo o novo traballo do DJ Alejandro Jurado “Kresy” e fará un DJ Set a cargo dos fundadores do selo musical.

Dentro das actividades programadas, os asistentes poderán degustar un viño a cargo das Bodegas Casal Fuentes, única bodega con denominación de orixe Rías Baixas da península de Ogrobe e un dos viños de autor con maior proxección da comarca.

O aniversario rematará cunha festa na Sala Karma na que haberá sorteos e agasallos da tenda Playground.