Concello e empresarios, da man na mellora do polígono do Campiño

  • As obras de calmado de tráfico para evitar carreiras ilegais comezan o próximo luns
  • Concello e empresarios irán da man na elaboración dun proxecto de mellora integral dopolígono industrial

Os concelleiros de Promoción Económica, Anabel Gulías e de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez mantiveron unha reunión cos representantes da Asociación de empresarios do Campiño cun obxectivo: mellorar a accesibilidade e mantemento, a seguranza viaria e o desenvolvemento da actividade no parque industrial e garantir a mobilidade peonil.

A reunión da continuidade a unha primeira xuntanza na que os empresarios puxeron enriba da mesa unhas primeiras peticións, atendidas dende o Concello: a limpeza e roza dunhas parcelas e un problema de acceso a outra.

Agora o Concello quere ir un paso máis alá e converter as suxestións achegadas dende o colectivo empresarial nun proxecto máis ambicioso de mellora integral da accesibilidade, acondicionamento de espazos públicos e circuítos de mobilidade peonil. Os servizos técnicos municipais elaborarán un proxecto/proposta que consensuarán cos empresarios sen perder de vista o tránsito obrigado de vehículos pesados e de traballadores a pé. Ágardase que estea rematado este ano.

Mentres se avanza neste proxecto, non se deixan de lado actuacións de mellora no polígono empresarial do Campiño. O próximo luns, 11 de setembro, comezarán as obras de calmado de tráfico comprometidas que, ademais de seguridade, permitirán pór fin ás carreiras ilegais de vehículos que se desenvolven de xeito reiterado no aparcamento do polígono empresarial. Neste zona vanse a priorizar os circuítos peonís e poranse lombos que non obstaculicen o tránsito dos camións pero si impidan a circulación a alta velocidade. A actuación ten un custe de 197.064,51 euros.

Estas obras de calmado de tráfico arrancarán nas inmediacións do “punto limpo”.

Fernando Paz, presidente da Asociación de empresarios do Campiño expresou a súa satisfacción pola atención prestada dende as concellerías de Promoción Económica e Obras ao parque empresarial e valorou dun xeito especial que “queda aberta unha canle de comunicación permanente” co Concello.