Coñécesme? As faces do pequeno comercio da zona monumental

Grandes retratos das persoas que traballan no pequeno comercio da zona monumental penduran dende esta fin de semana ao redor de prazas como a da Ferrería ou Curros Enríquez, Leña ou Verdura e en rúas como Manuel Quiroga, Real, Pasantería, Sarmiento, Ponte, Palma, Marqués de Aranda, Don Gonzalo, César Boente, Serra, San Román, Laranxo, Praza Méndez Núñez e Travesía Charin. Alí estarán até xaneiro do 2017 nun xogo de comunicación, diálogo, reflexión sobre as actuais relacións persoais e de iinteración social.

Humanizar as relacións comerciais, pór en valor conceptos como confianza, cercanía, trato directo; apostar polo pequeno comercio, polo poder transformador das imaxes, a cidade, a iconosfera e o uso do espazo público, traballar o uso da imaxe como ferramenta de comunicación e transformación social…. son ideas que están no punto de partida para desenvolver o proxecto de intervención urbana Coñécesme? e sobre as que puxo a énfase a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, ao presentar a campaña- intervención artística.

Estamos diante dunha proposta fotográfica ideada e deseñada por About Art e Estrellas e Limones e realizada polo fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal. Unha iniciativa promovida pola Concellería de Promoción da Cidade ao abeiro da marca Pontevedra Capital Shopping e que conta coa colaboración de Zona Monumental.

Os retratos de gran tamaño -150×90 cm- teñen carácter individual e amosan algún elemento relacionado coa acvidade de cada comercio. Son un total de 104 faces que amosan a diversidade do casco histórico, que conxugan modernidade e innovación con tradición.

A ubicación dos retratos está feita de xeito aleatorio, nunca están dispostos ao lado do comercio sinalado, enfatizando así a idea cultural do proxecto e non publicitaria, enfocando as enerxías na creación de unha comunidade, unha mentalidade colectiva que axude a reconstruir unha rede de traballo e relacións coa cidadanía centrada na idea de humanidade e fraternidade, fronte ao exceso de relacións impersoais e virtuais, favorecendo as humanas.

cartel tiendas FRONTAL