Consulta o Observatorio Urbano de Pontevedra 2016

O Concello acaba de facer público os datos do último Observatorio Urbano de Pontevedra 2016 realizado durante o presente ano polo Grupo de Investigación G4 Plus da Universidade de Vigo que recolle a situación socioeconómica da cidade. Unha investigación que a diferenza do primeiro ano, vese enriquecida pola incorporación de novos ámbitos de estudo como:

  • Xestión da área hospitalaria
  • Pesca (marisqueo)
  • Montes periurbanos
  • Ensino non universitario
  • Xustiza

O profesor Pedro Figueroa, director deste grupo de investigación, fixo un resumo sobre o posicionamento de Pontevedra en relación ao resto de cidades de Galicia nos distintos ámbitos do que se pode concluír:

  • Pontevedra é a segunda cidade de Galicia que crece e ten 82.549 habitantes sendo do IGE. É a cidade máis xoven e a menos avellentada. A idade media do pontevedrés é de 43 anos e é a primeira en esperanza de vida cunha media de 83,87 anos. A tasa de natalidade baixou ao 3º posto. É a que ten a idade media da nai máis alta (de 32-35 anos), e o número de fillos é de 1,12, ocupando a 5ª posición entre as cidades galegas.
  • No ámbito do benestar e da saúde, ocupa o 6º lugar en recursos humanos de atención primaria con 2,31 profesionais cada 1.000 habitantes; e reducíronse o número de prazas de asistencia social.
  • No ámbito do asociacionismo está moi ben posicionada cun incremento do 4,53% en asociacións deportivas.
  • No ámbito xudicial, apréciase un descenso de accións penais (13,23%) e as taxas de eficacia xudicial son altas, situando á cidade na 3ª de toda Galicia.
  • Na estrutura empresarial, rexistráronse máis altas de empresas que baixas. Foron 869 altas fronte as 783 de 2015; na relación de empresas por cada 1.000 habitantes ocupa a terceira posición; e na creación de sociedades mercantís pasou do 7º ao 5º lugar. Tamén se aprecia unha mellor evolución no sector da construción que no resto da Galicia, tendo en conta o contexto negativo deste sector en todo o país.
  • Na débeda municipal, Pontevedra ocupa a segunda posición con 140 euros por habitante. A primeira é Vigo con 100 euros/habitante.

Pedro Figueroa destacou que Pontevedra no ano 2016 (período que estuda o Observatorio) mantivo un posicionamento mellor que o anterior porque os índices que se viron mellorados foron máis que os que empeoraron. Na parte social ten un posicionamento medio-alto, e na parte empresarial parte dun posicionamento medio-baixo que está evolucionando para chegar, finalmente, a unha posición intermedia, segundo os seus prognósticos.

O director do Observatorio destacou que este documento, que reúne 1.200.000 datos e ten 300 folios, “é un bo documento para os axentes sociais”, e destacou que Pontevedra é a única cidade galega que fai un estudo destas características o que supón “unha importante aposta”.

Para consultar o observatorio completo:

Observatorio socioeconómico