espazo creactivo pontevedra

espazo-creactivo-santa-claraA Concellería de Promoción Económica ideou o concurso Espazo Creactivo para mellorar o edificio situado no número 4 da rúa Santa Clara, adicado ao emprendemento empresarial. A idea é facer destas instalacións un lugar multidisciplinar contando coas achegas dos creadores da cidade. O inmoble é un emblema do apoio ao emprego e a iniciativas empresariais.

Espazo Creactivo desenvólvese nas seguintes fases:

O Concurso

O presente concurso, aberto á participación de ideas propostas polo alumnado dos cursos de Grao e Posgrao do Campus de Pontevedra, posibilitará o desenvolvemento das súas ideas da man das empresas de Pontevedra, a través dun sistema de apoio e orientación.

Obxectivos:

  • A mellora e adecuación para usos sociais do edificio Santa Clara, 4
  • A ampliación de contidos do edificio a través dun proceso participativo de presentación de ideas e proxectos.
  • Incentivar a implicación dos estudantes do campus de Pontevedra coa mellora e enriquecemento do patrimonio cultural da cidade.

Bases do concurso:

  • Participantes: estudantes das titulacións de grao e posgrao do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Poderá participar todo o alumnado que estea matriculado no momento da presentación da solicitude.
  • Ideas: O concurso está orientado á selección de ideas para o embelecemento, reutilización e dotación de contidos e actividades do Espazo Creactivo. Seleccionaranse as ideas que contribúan á apropiación e modernización do espazo dun xeito aberto e colaborativo. As ideas ou proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
    • Ser ideas orixinais das/os participantes (de non ser así, as/os creadoras/es destas deben ser acreditadas/os).
    • Deben ter xustificada a súa viabilidade técnica.
    • Deben ter xustificada a súa viabilidade económica.
    • Deben ser realizables no espazo ao que se refire a presente

Convocatoria:

  • Deben adecuarse ao espazo ao que se refire a convocatoria.
  • Admitiranse ideas e proxectos que xa fosen implementados anteriormente, sempre que sexa respectada a súa propiedade intelectual.

Os proxectos poden ser presentados de forma individual ou en equipo, sen número máximo de participantes na iniciativa.

As ideas presentaranse enmarcadas dentro das seguintes áreas:

  • Comunicación e identidade gráfica do espazo.
  • Embelecemento, humanización e reorganización de espazos comúns e exteriores.
  • Plans de aprendizaxe e plans didácticos que se desenvolverán nos diferentes espazos en relación co emprendemento social (con actividades abertas).

O Concello de Pontevedra comprométese a respectar, en todas a situacións, a propiedade intelectual das ideas e proxectos presentados, sexan ou non implementados.

Solicitudes e inscrición:

A inscrición farase a través da páxina web do Concello cubrindo o modelo dixital dispoñible no seguinte apartado:

http://www.pontevedra.gal/areas/promocion-economica/espazo-creactivo/

Só se admitirán as solicitudes a través do modelo facilitado na convocatoria.

Na solicitude presentarase o equipo, a súa idea e a xustificación da súa adecuación ao espazo concreto de Santa Clara mediante un pequeno expediente adxunto (formato comprimido), no que tamén se incluirá un orzamento estimativo do custo total de dito proxecto.

Os equipos poderán visitar as instalacións para mellorar o seu coñecemento do espazo co obxectivo de garantir a adaptación da proposta presentada. As solicitudes (máximo dúas por equipo) deberán realizarse a través do enderezo electrónico de contacto: espazocreactivo@pontevedra.gal

Prazos:

O prazo de presentación de solicitudes rematará o próximo día 31 de marzo.

Proceso de selección:

Os proxectos e ideas admitidos na convocatoria serán facilitados a un xurado independente. Os membros do xurado valorarán de xeito individual os proxectos nunha primeira volta, e porán en común o seu parecer nunha reunión conxunta na que se decidirá colectivamente o resultado da convocatoria.

A composición deste xurado será publicada na web do Concello de Pontevedra para preservar a transparencia do proceso. Este xurado estará formado por expertas/os en cada unha das áreas que forman parte da convocatoria.

No proceso de valoración os proxectos serán anónimos.

Unha vez emitido o veredicto do xurado, as/os finalistas serán entrevistadas/os antes de dar comezo os diferentes traballos.

Unha vez rematada a fase de entrevista farase público o listado de proxectos seleccionados.

Premios:

O resultado do concurso será a implementación das ideas seleccionadas, para o cal as persoas e equipos seleccionados obterán unha dotación económica.

Haberá un total de 3 premios relacionados coas áreas nas que hai que desenvolver as ideas, que recibirán unha dotación económica de 500€ por equipo, así coma os gastos de execución necesarios para poder levar a cabo o seu proxecto.

Non haberá, polo tanto, unha clasificación xerárquica de premios, e organizaranse da seguinte maneira:

  • Premio de comunicación e identidade gráfica do espazo.
  • Premio de humanización e reorganización de espazos comúns.
  • Premio de contidos creativos.

O premio poderá ser declarado deserto no caso de que ningunha das ideas presentadas se adecúen aos criterios da convocatoria.

Implementación dos proxectos:

Os proxectos desenvolveranse polos seleccionadas/os, acompañadas/os polas diferentes empresas de Pontevedra en cada área, dentro dos prazos acordados polo Concello dependendo da súa viabilidade. Deste xeito asignarase a cada proxecto un/unha ou varias/os profesionais para desenvolver o papel de orientadoras/es na fase de implementación dos proxectos gañadores, e de xeito especial coordinarán o desenvolvemento do conxunto das propostas.

Estas empresas serán contactadas polo Concello de Pontevedra dentro do Programa Pontevedra ten un Puntazo, ou ben se porían en marcha con recursos propios do Concello.

Bases 2016