Espazo Creactivo, xornada de portas abertas

“Espazo Creactivo” abrirá as súas portas, este xoves 7 de abril, a todos aqueles que desexen participar na convocatoria destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio sito na Rúa Santa Clara.

A convocatoria Espazo CreActivo é unha iniciativa proposta dende a Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; unha convocatoria de ideas que nace co obxectivo de unir e enriquecer ós participantes e ó tecido emprendedor da propia cidade.

Este espazo, que foi durante anos un dos puntos administrativos do Concello de Pontevedra, é unha oportunidade a día de hoxe para a participación na definición do seu uso, estética e melloras dos vindeiros anos.

O obxectivo do encontro deste xoves, a partir das 19.00 h é que os interesados en formar parte do proxecto en calquera das súas fases se acheguen ata o inmoble e poidan compartir coa concelleira Anabel Gulías e o Vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, as dúbidas acerca da convocatoria e as orientacións finais das súas ideas, ademáis de poder percorrer as instalacións.

Nas últimas semanas foron xa numerosas as visitas ao edificio, posibilidade aberta polo Concello para que os interesados puidesen adaptar os seu proxectos ao espazo, pero tamén para inspirar o enfoque das súas propostas.

As ideas participantes na convocatoria serán valoradas por un xurado independente. A selección destas irá en función da súa orixinalidade e da súa viabilidade técnica e económica. As/os creadoras/es dos proxectos gañadores optarán a posibilidade de implantar as súas ideas e recibirán unha dotación económica de 500€.

Terán cabida as ideas orientadas á reutilización, embelecemento do espazo e dotación de contidos e actividades. Existindo estas tres categorías ás que o alumnado poderá presentar as súas propostas: comunicación e identidade gráfica do espazo; humanización e reorganización dos espazos comúns e un apartado xeral de contidos. Os proxectos resultantes serán levados a cabo polos gañadores da man dunha serie de empresas seleccionadas polo Concello de Pontevedra.

Para máis información sobre a convocatoria, o Concello pon a disposición das/os interesadas/os o seguinte correo electrónico: espazocreactivo@pontevedra.gal, no que tamén se poderán realizar solicitudes de visita ó edificio.