Etiqueta Negra chega ao seu ecuador

A segunda xornada da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora dará comezo ás 11:30h no Anfiteatro Mahou co showcooking de Dolores Valcárcel, a televisiva Abuela Lolita de Canal Cocina. A cociñeira sarriana dará a probar ao público asistente fabes verdinas de Lourenzá con polbo e con ameixa de Carril.

A continuación, ás 12:30 horas, Iñaki Bretal, chef e propietario do restaurante O Eirado da Leña, centrará a súa demostración de cociña na peneira de mar, tamén coñecida como abalón. O marisco máis caro do mundo (100 grs. custan 180 euros) é unha delicia gastronómica das costas galegas pouco recoñecida no noso país pero moi cotizada nos mercados asiáticos.

O programa vespertino estará dedicado aos cociñeiros da cidade de Pontevedra. Ás 17:00h, Guillermo Vidal, chef de El Viajero del Norte, fusionará produtos e sabores da cociña de aquí con elaboracións distintas de Asia e México. Realizará unha proposta culinaria de 6 pratos consistente en dim sum de lacón con grelos, dim sum de gambas ao allo, empanadilla viaxeira, tacos de croca galega, ramen de cocido galego e un churrasco moi asiático.

A pesca artesá será ás 18:00 h a protagonista no showcooking de Nacho Tierno, o novo chef da Creperie Cre-Cottê. Tiradiño de xurel e encurtidos, cebiche de zamburiñas, sashimi de merluza á galega, navalla “x.o.” e nori, fabes de Lorenzá de tenreira e queixo de cabra e cigala.

Unha hora máis tarde, Rubén González, de El Cafetín, amosará o seu bo facer coas tapas co que non só cativou ao xurado e ao público da pasada edición do concurso gastronómico Pontedetapas senón tamén ao do certame “De tapas por Galicia”.

Outros espazos

Por outra banda, a Zona de Catas Tawi acollerá a degustación de queixos e rulos da Cooperativa Caprina Gallega, de Torta de Sarria, co seu doce de améndoas e castañas, das fabas de Lourenzá de Terras da Mariña, dos menús Yatecomeré e da galleta de trigo sarraceno de Leira Doce acompañada por queixo fresco de Leite Ulla e marmelada de laranxa de Voalla, do requeixo e mel das Neves, ademais da cata de Cervexa Meiga con queixo Cortes de Muar, de medios gin tonic de Ginabelle Perfect Serve e do Celeirós Mencía 2014.

A tetería da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, desenvolverá dous obradoiros mías de té (ás 13:00 e ás 17:00 h), a cargo de Carlos Riaño, para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado do té galego. E tamén no stand de Mahou, poderase asistir a cursos de tiraxe de cañas ás 12:30, ás 13:30, ás 17:00, ás 18:00 e ás 20:00 horas.

Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición conta ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza e Gadis.