Etiqueta Negra. Gourmet Galego, na liña da excelencia

O recinto feiral da Xunqueira  acollerá a primeira edición de Etiqueta Negra. Goumert Galego e Innovación Inspiradora, o evento desenvolverase do 12 ao14 de novembro  en horario ininterrompido de 11 a 20 horas.
O Concello de Pontevedra organiza esta feira profesional que abre tamén as súas portas a un público cada vez máis especializado e esixente, que se informa para coñecer o que está a consumir, que lle gusta probar sabores e experimentar texturas novas.

Etiqueta Negra nace con vocación de converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do noso país, cita ineludible para os amantes da gastronomía de calidade. Durante tres días reunirá nun mesmo espazo profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición conta ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza e Gadis.

Expositores e produtos

Máis de 50 representantes da alta gastronomía e alimentos singulares galegos presentarán os seus produtos en Etiqueta Negra. A organización da feira primou para esta primeira edición a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade dos produtos fronte á cantidade de expositores. O obxectivo principal foi o de garantir ao máximo a excelencia dos produtos e o prestixio das firmas expositoras.

Marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas e doces, conservas, cogomelos… de empresas como 3 Pastas Delicatessem, A Castrexa, A Pementeira, Amorodo, Bico de Xeado, Bodega Santiago Roma, Bodegas Roandi, Cañitas de la Abuela, Carabuñas, Caurelor, Celeirós, Cervexa Meiga, Cervexa Menduiña, Confitería Lolita, Cortes de Muar, Daveiga, Embutidos Raposo, Faxilda, GalicianBrew, Galipizza, Galuriña, Ganadería Balín, Habelas Hailas, Hifas da Terra, Leira Doce, Leite do Ulla, Licores Berrimes, Mafari Café, Mamá Teresa, Mesturas, Mimá, Mirabel do Rosal, Paladar Queso, PdH Pazo de Hermo, Pepaaloba, Petra Mora, Queixos Santo André, Quinta de la Erre, Ribela, Salsa O’Churrasco, Saramagal, Terras da Mariña, Tesouro de Barcala, Torta de Sarria, Volalla, Yatecomeré ou Xianas.

Showcookings

Apoiando esta iniciativa estarán prestixiosos chefs do país que compartirán cartel con cociñeiros emerxentes que están a facerse un oco e marcando tendencia no sector. Elaborarán as máis saborosas receitas con produtos galegos de alta calidade, sinónimos de tradición e autenticidade, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.

Así, Pepe Solla, chef propietario do restaurante Casa Solla de Poio (Pontevedra), Estrela Michelín e tres Soles Repsol, ofrecerá o showcooking “Cociña galega do mundo”, sobre a influencia das súas viaxes na súa cociña, sobre a súa visión da gastronomía actual e sobre o produto gourmet galego.

Inaki Bretal, chef d’O Eirado da Leña, centrará a súa exhibición de cociña en directo na peneira de mar, tamén coñecida como abalón, o marisco máis caro do mundo, unha delicia gastronómica das costas galegas pouco recoñecida no noso país pero moi valorada noutras partes do mundo como Xapón.

Nacho Tierno, o novo chef da Creperie Cre-Cottê, preparará varias receitas nas que os protagonistas serán peixes pescados de forma artesanal; Rubén González, de El Cafetín, amosará o seu bo facer coas tapas co que non só cativou ao xurado e ao público da pasada edición do concurso gastronómico Pontedetapas senón tamén ao do certame “De tapas por Galicia”, e Guillermo Vidal, de El Viajero del Norte, fusionará produtos e sabores da cociña de aquí con elaboracións distintas de Asia e México.

A cociñeira Dolores Valcárcel, “La abuela Lolita” de Canal Cocina, sorprenderá o público asistente con pratos tradicionais de sempre con algún toque de creatividade.

Os centros de formación de hostalería estarán tamén presentes en Etiqueta Negra. Deste xeito, o Centro Superior de Hostelería de Galicia participará cunha demostración sobre o uso da conserva galega na gastronomía. Pola súa banda, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra desenvolverá unha actividade para profesionais da hostalería baseado no seu proxecto de innovación sobre novos usos culinarios da lapa e da camelia, con maridaxe de pans. E navallas, polbo e zamburiñas do Salnés en diferentes elaboracións conformarán os pratos que o alumnado do Obradoiro de Emprego “Hostalería do Salnés 8” realizarán para a feira con degustación incluída para o público asistente.

Conferencias e outras actividades

Asemade, celebrarase unha mesa redonda para coñecer as opinións e as experiencias de profesionais da gastronomía e da comunicación na que intervirán Xosé Cannas, chef propietario de Pepe Vieira e Estrela Michelín; Jaime Conde, director da axencia de publicidade quattro idcp e un dos promotores do Movemento Incitus; e Marcos Dopico, profesor de deseño na Universidade de Vigo.

O campión mundial de cata de viños a cegas 2015, o enólogo e viticultor Alfonso Torrente Solana, contará ao público asistente que os viños brancos tamén envellecen ben. Ademais, un grupo reducido poderá catar sorprendentes e descoñecidos viños vellos tras inscribirse previamente.

Presentacións de empresas —como Tawi que se estrea no mercado cunha novidosa e revolucionaria liña de mobiliario gourmet en madeira para o sector hostaleiro—, de produtos —como o cocedor portátil a baixa temperatura SmartVide de Sammic, que traerá Exclusivas Villares—, e de novas gamas Premium —como a de Mafari Café ou a Liña Gourmet de Licores Berrimes—, degustacións, demostracións, exhibicións de coctelería molecular a cargo de El Mono con Sombrero, unha tetería no que degustar o primeiro té galego feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, e outras moitas actividades sucederanse ao longo dos tres días de feira.

Zona de negocios

Expositores e distribuidores manterán intercambios comerciais na Zona de Negocios, na que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo. Esta área cédese aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 80 distribuidores e 90 tendas gourmet de toda Galicia.

cartel-etiqueta-negra-1