Formación para combater o desemprego

A Concellería de Promoción Económica e da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, presentou distintas iniciativas de formación á Xunta de Galiza co fin de acollerse ás liñas de subvencións oficias que ten a administración autonómica. Formalizou a solicitude de axudas por valor de 668.345,20 euros o que suporía arredor dun 80% do total do custe da programación.

As propostas de formación acadarían unha matricula de 181 persoas e suporán a contratación de até catorce profesionais para o seu desenvolvemento.

A concellería presenta tres proxectos de obradoiros de emprego vencellados ao sector Servizos, o piar fundamental da economía local: Dinamización comercial, Dinamización turística e Actividades de lecer. Nestes obradoiros o alumnado combina a formación teórica coas prácticas. A axuda solicitada á Xunta para estes obradoiros supera os 320.000 euros.

Outras 100 persoas poderían beneficiarse dun programa experimental de emprego deseñado para mesturar formación direccionada á inserción laboral. A axuda solicitada para este proxecto innovador é de 240.000 euros.

Por outra banda, a concellería pretende promover cursos específicos para persoas desempregadas -o programa AFD-, os chamados cursos de formación ocupacional. Son tres os seleccionados: Xestión básica de sociedades laborais, Reprodución de moldes e pezas cerámicas artesanais e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil. Neste apartado ás axudas solicitadas á administración autonómica ascenden a 60.000 euros.

O desenvolvemento desta ampla programación formativa precisaría persoal técnico para información, orientación e prospección de emprego. Un cadro de persoal que tería que ter un mínimo de 8 traballadores aínda que o número ideal sería 14 e para o total pídese unha subvención de 46.000 euros.