“Fragments”, o primeiro ‘fashion film’ en realidade virtual do mundo, feito en Galicia, seleccionado como unha das 20 mellores obras inmersivas do ano

Galicia empeza a situarse como referencia da realidade virtual grazas ao traballo do estudio Bermudas.Land, que xunto o realizador Antonio Víctor García-Serrano, Zakato, realizou o pasado ano a peza “Fragments, o primeiro ‘fashion film’ inmersivo do mundo, co que está a triunfar no emerxente circuito de festivais internacionais de realidade virtual.

“Fragments” vén de ser seleccionado xunto a outras 19 obras para o showcase da comunidade Kaleidoscope, que está a percorrer as máis importantes cidades do mundo para dar a coñecer as mellores obras en realidade virtual do mundo. Trátase da primeira obra española que é escollida por este prestixioso evento, e poderase ver estes días en centros artísticos de Nova York, Londres, Seul, San Francisco, Berlín, etc,

Esta peza pioneira en introducir o mundo da moda na realidade virtual rodouse no verán de 2015 na Illa de San Simón, dentro do encontro Exploradores.15 organizado polo festival Sin Sal San Simón. É por tanto unha obra colaborativa na que participaron diversos creadores galegos e internacionais, capitaneados por Toño Cabanelas, de Bermudasl.Land, enxeñeiro audiovisual que traballa entre Madrid e o seu estudio de Seixo (Marín). O traballo fíxose a partir da colección ‘Fragments’ da deseñadora de moda Sonia Carrasco, que vén presentando este ‘fashion film’ en diversos eventos de moda a nivel internacional.

“Fragments” é unha das pezas que se poderá ver no TEK-FEST, I Encontro de Tecnoloxías Emerxentes, que se celebra do 27 de setembro ao 1 de outubro en Pontevedra. Dirixido por Toño Cabanelas, nas súa primeira edición este encontro explora a realidade virtual e mais a cartografía dixital en dous talleres profesionais. Tamén celebra un symposium co lema #ACidadeDoFuturo que trata o observar a cidade e a tecnoloxía desde distintas perspectivas como a filosofía, a educación, o deseño ou a experimentación visual e sonora, para que expertos, veciños e visitantes imaxinen o futuro inmediato das cidades nun marco excelente para a innovación urbana como é Pontevedra.

__________________________________

– Versión en 360º de Fragments en Youtube, e tamén outra en vídeo normal en versión ‘Little Planet’.