Galicia mostra o seu potencial emprendedor na 3ª edición do Pont-Up Store

Despois dunha intensa xornada previa centrada en actividades de formación e debate en torno ás últimas tendencias do emprendemento, o PONT-UP STORE comezou hoxe o encontro de emprendedoras e emprendedores que se desenvolverá durante dous días na carpa instalada na Praza de España onde 36 emprendedores mostrarán as súas ideas nos stands e nas actividades incluídas dentro do programa, e outros 10 poderán presentar os seus proxectos ante cinco firmas galegas de proxección internacional dentro do Puntazo Exprés.

Acto de Apertura

Autoridades e patrocinadores reuníronse esta mañá no espazo central da carpa para dar o pistoletazo de saída oficial á 3ª edición do PONT-UP STORE. Pedro Figueroa, director do encontro, destacou a calidade e cantidade de candidaturas recibidas este ano, das que so foi posible atender apenas un terzo, polo que pediu a institucións e patrocinadores “mais apoio para conseguir medrar e lograr que Pontevedra se consolide como un espazo de innovación e emprendemento en Galicia”.

Pola súa parte, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo destacou que “a Universidade debe saber estar preto dos veciños facendo transferência de coñecemento en eventos coma este”.

O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo poñer en valor que Galicia é unha potencia en innovación e creatividade e felicitou ás persoas emprendedoras “por ser capaces de xerar actividade económica e emprego e saber responder a unha situación de crise da que eles non son responsables”.

Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra, dixo que “Pontevedra sabe que o futuro pasa por liderar a cultura emprendedora” e destacou o feito de que se faga “no espazo público que é de todas e de todos”. No acto tamén participaron Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Covadonga Toca, secretaria xeral Emprego da Xunta de Galicia; Mª del Carmen Fernández Penas, directora Territorial Pontevedra ABANCA; Guillermo Viña, xerente de IGAPE Nova; e Lucía Pedroso, presidenta de Aje Pontevedra. Ao remate, as autoridades realizaron unha visita institucional ao recinto do Pont-Up Store para coñecer os proxectos emprendedores e conversar cos seus responsables.

Proxectos Emprendedores

Dentro dos emprendementos destacan os modelos de negocio de base tecnolóxica que desenvolven apps para mellorar o rendemento das tendas online, para xogar ou para investir en bolsa; varias traballan con impresión dixital e gravado láser; e outras desenvolven dispositivos de sinalización de emerxencias e de balizamento. O sector da moda nas súas diferentes vertentes, ten unha presenza importante, e destacan tamén os emprendementos que teñen relación coa gastronomía, a formación, a comunicación, as viaxes, a xestión de eventos e a decoración. E houbo tamén unha significativa presenza de empresas de economía social, un dos eixes do encontro. Os emprendedores foron os responsables dun programa continuado de actividades que na xornada de hoxe incluíron unha xincana de probas pola cidade mediante a APP DOGOPLAY para xogar e coñecer xente, Tamén sesións prácticas de pedagoxía Montessori, contacontos e unha actividade de ‘car building’ na que a montaxe dun coche servirá de excusa para abordar ámbitos como o traballo en equipo, a comunicación, a creatividade e o liderado. No espazo central da carpa desenvolveuse unha demo de realidade virtual (VR) na que foi posible coñecer algúns dos proxectos e gravacións que se van poder ver en Pontevedra durante a celebración do evento de tecnoloxías 360, TEK-FEST.

En paralelo desenvolvéronse actividades en distintos puntos da cidade. Na Casa das Campás a Consellería de Economía, Emprego e Industria presentou as súas liñas de apoio financeiro ao emprendemento en economía social. No Café Moderno, ABANCA impartiu o obradoiro ‘Preparados para o investimento: O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa’. A Deputación de Pontevedra, a través do seu asesor TIC, Alberto Falcón, propuxo o obradoiro ‘Coñece a rede SAMRTPEME e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais’. A Federación de Cooperativas Sinerxia presentou na Casa das Campás o proxecto da asociación MÚSICOS AO VIVO, que co apoio da administración vai poñer en marcha unha cooperativa de facturación, similar ás que xa funcionan en Cataluña e Madrid, coa que poderían dar cobertura ao sector musical galego e converterse no principal motor da cultura en Galicia.

Puntazo Exprés

Pola tarde, desenvolveuse na Casa da Luz a proposta estrela desta edición, o Puntazo Exprés, que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, promovido pola Concellería de Promoción e que ofreceu a 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio en breves encontros cos responsables de cinco importantes grandes empresas e marcas galegas de diferentes sectores: FINSA, QUBITIA, PÉREZ TORRES MARÍTIMA, IDOIA CUESTA e DIMENSIONA. Os proxectos de emprendemento que participaron son A tenda da Gata, Polo Correo do Vento, Toupa Monstro, eCom Galicia, Somos Océano, Dogoplay, GEOMATI-K ingeniería, O Garaxe Hermético Retranca Editora, Deep Data Lab, e Gazehits. O programa pechouse cunha sesión de networking na que participaron emprendedores de todas as edicións para seguir creando vínculos entre unha comunidade que nestes momentos alcanza xa as 150 empresas involucradas a través das 3 edicións do PONT-UP STORE.

Última xornada

Mañá sábado, unha xincana bike con pequenos emprendedores percorrerá as rúas da cidade, e continuarán as actividades: como facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos; adestrar a nosa boa sorte; aprender a elaborar cervexa; introducirse na arqueoloxía; facer mochis (pasteliños de arroz xaponeses); demostracións de robótica; a presentación da revista infantil ALEHOP e do disco ‘Fíos do Querer’. Ao final da tarde entregaranse os premios aos mellores emprendementos desta edición.

PROGRAMA COMPLETO