Lores exporá no Senado de México o o modelo urbano que fai de Pontevedra un referente de calidade de vida no mundo

  • A visita ao país azteca prevista para agosto, que incluirá a primeira delegación
    comercial de Pontevedra no exterior, segue a encherse de contido
  • A concelleira de Promoción da Cidade mantén contactos coas empresas interesadas e en participar nun proceso inda aberto

A viaxe que fará o Concello de Pontevedra a México no mes de agosto segue a encherse de contido. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, informou hoxe do convite feito polo secretario da Comisión de Urbanismo do Senado de México para expor nesta cámara o modelo urbano que fai de nós un referente no mundo.

“Estou especialmente contenta de incluír esta cita na axenda” subliñou a concelleira Anabel Gulías, mergullada nun intenso traballo para organizar e pechar a que será a primeira delegación comercial de Pontevedra no exterior na que agárdase que participen unha vintena de sociedades.

“Estamos falando con moitas empresas, hoxe mesmo recibimos a primeira da área de Vigo e tamén afinando os mecanismos de colaboración coas organizacións empresariais” co fin de que a viaxe saia o mellor posible, explica a concelleira de Promoción da Cidade.

Cando se peche a delegación, farase público os integrantes nos que, de seguro, haberá representación de sectores como turismo, alimentación, deseño urbano, construción ou o da creatividade e innovación.

“Se alguén tiña dúbidas de que Pontevedra está no mapa, isto (o convite ao Senado) fainos estar máis seguros de que esta viaxe vaia ser un éxito total”.

Pontevedra participará no seminario “Datos que transforman” que organiza o ITAM (Instituto Tecnolóxico Autónomo de México) -unha das universidades máis prestixiosa do país, berce de líderes políticos e un referente nos temas de gobernanza e políticas públicas- e como convidada de honra, xunto a outras catro cidades americanas, na Expo- Pymes da Cidade de México. A presente edición está adicada a “Cidade global, enerxías limpas e loxística de exportación” e é o escenario que abre as portas o acompañamento empresarial.

A Expo-Pemes desenvolveráse do 23 ao 25 de agosto e o día 29, o seminario da ITAM, xéneses da viaxe. Agora está pendente de pechar a data para a intervención no Senado.