Máis de 120 empresas, de 1.000 postos de traballo e 1 millón de investimento, resultados de Promoción económica no ecuador do mandato

    • Anabel Gulías explicou que “son cifras moi importantes” e que o Goberno continuará a traballar coas empresas locais como fonte de emprego.
    • Entre os retos de futuro: o edificio de Santa Clara, o Mercado de Abastos e a internacionalización do modelo de cidade.

Máis de 1.000 postos de traballo creados e consolidados, 121 empresas e máis dun millón de euros son as grandes cifras da Concellaría de Promoción Económica nos dous últimos anos. Anabel Gulías, concelleira responsábel do Departamento, explicou esta mañá que cando ela asumiu a responsabilidade desta carteira pretendía cambiar a filosofía dos programas de Promoción para tratar de xerar maior dinamismo económico.

Dous anos despois (dende xuño de 2015), a Concellaría de Promoción Económica investiu 1.043.419 euros, dos cales 930.669,50 euros foron fondos propios. Con este investimento, traballouse con 121 empresas, a maior parte de Pontevedra. En concreto, eran de Pontevedra 88 empresas, é dicir, o 72% de todas elas.

Explicou que a nova filosofía supón traballar con empresas locais porque manteñen e xeran postos de traballo no propio concello. De feito, con este investimento creouse e consolidáronse máis de 1.000 postos de traballo.

Anabel Gulías confirmou que “son cifras importantes para a cidade”.

Tamén explicou que outra parte importante deste traballo é a colaboración coa Universidade de Vigo a través do Observatorio urbano e tamén directamente cos alumnos do Campus cando se achegan á Concellaría a presentar algún proxecto. Non quixo esquecerse da inserción laboral tradicional que se realizan a través dos obradoiros de emprego do Plan On.

Agradeceu a entrega, axuda e o bo traballo dos axentes de desenvolvemento local do concello, que compartiron mesa con ela, e afirmou que “é un orgullo traballar coas empresas pontevedresas coas cales seguiremos traballando”.

Como proxectos de futuro fixouse a mellora dos espazos de Santa Clara para que “sexa un edificio de referencia da promoción económica na cidade” así como “dar un gran salto co Mercado de Abastos a través dos fondos DUSI”. Outra das liñas é traballar en que o modelo de cidade teña reflexo na internacionalización das empresas locais.