Máis de 5.000 persoas visitaron a primeira edición da feira Etiqueta Negra, gourmet galego e innovación inspiradora

 

Durante tres días, Pontevedra converteuse no mellor escaparate para presentar o gran potencial dos produtos galegos, sinónimo de calidade e autenticidade 

Dado o éxito de público e a resposta dos expositores e profesionais, a Concellaría de Promoción da Cidade anuncia que volverá a celebrarse en 2017

Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora pecha a súa primeira edición cun total de 5.183 visitas. A feira de exaltación dos produtos gourmet galegos contou, ademais, coa participación de 51 expositores e a realización de 315 encontros de negocio, entre os que cómpre destacar a visita de empresarios de Hong Kong grazas aos contactos establecidos entre o Concello de Pontevedra e a Asian-Spain Association Cultural Exchange.

Xunto á exposición comercial, a feira acolleu un completo programa de actividades paralelas que gozou dunha grande aceptación por parte dos visitantes. Así, no Anfiteatro Mahou desenvolvéronse demostracións de cociña en vivo a cargo de prestixiosos chefs como Pepe Solla, Iñaki Bretal, Nacho Tierno, Diego López ou Dolores Valcárcel (La Abuela Lolita, do Canal Cocina), ou unha interesante mesa redonda sobre comunicación e gastronomía que contou coa participación, entre outros expertos, de Xosé Cannas, chef do restaurante Pepe Vieira.

Intensa ocupación 

A Zona de Catas rexistrou, asimesmo, unha intensa ocupación nas 30 actividades desenvolvidas, entre as que destacan o showcooking de elaboracións de lapa, camelia e pan maridado a cargo do CIFP Carlos Oroza (baseado no seu proxecto de innovación sobre novos usos culinarios), ou a cata comentada de viños realizada polo enólogo, viticultor de Envínate e campión mundial de cata a cegas 2015, Alfonso Torrente Solana, na que un caldo portugués, un alemán e un borgoña se mediron cos nosos Rías Baixas.

Moi concorrida estivo tamén a tetería da Deputación de Pontevedra que, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, desenvolveu cinco obradoiros para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado do té galego. Este cultivo prepárase exclusivamente a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis.

Profesionais acreditados

A organización mostrouse moi satisfeita non só polo éxito de público, senón tamén pola resposta transmitida polos expositores e profesionais da gastronomía e da restauración ao respecto da súa experiencia na feira. En total foron 168 os profesionais acreditados, entre os que se inclúen 49 tendas gourmet de Galicia e 16 distribuidores de alimentación.

“Pechamos esta primeira edición de Etiqueta Negra coa satisfacción de contar co apoio dos visitantes, así como o dos profesionais do sector e dos expositores, moitos dos cales nos expresaron xa a súa intención de participar nunha segunda edición. Sabemos que hai cousas por mellorar, por iso agradecemos moito as críticas construtivas e as suxestións recibidas. Etiqueta Negra aspira a converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país, por iso en cada edición debe continuar aumentando, mellorando e innovando”, afirma Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra.

Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición contou ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza, Gadis e Exclusivas Villares.

A Pementeira, Alimentos Amodoro, Bico de Xeado, Bodega Roandi, Borboriño Cañitas de la Abuela, Carabuñas. Os do Sabugueiro, Caracoles e Conservas do Gallo, Celeirós, Cervexa Meiga, Cervexa Menduiña, Confitería Lolita, Cooperativa Caprina Galega S.C.G., Cortes de Muar, Daveiga. Galletas Mariñeiras, Embutidos Raposo, Exclusivas Villares, Faxilda, Galipizza, Ganadería Balín, Habelas Hailas Licores, Hifas da Terra, Leiradoce, Leite Ulla, Licores Berrimes, Mafari Café, Mariscadora, Mesturas, Mirabel do Rosal, Paladar Queso, PdH Pazo de Hermo, Pepaaloba, Petra Mora, Queixos D.O.P. Cebreiro Sto. André, Rede Galega de Produtores, Requeixo e Mel das Neves, Rías Baixas Santiago Roma Albariño, Ribela, Salsa O’Churrasco, Saramagal, Tartas Mimá, Tawi, Terras da Mariña, Torta de Sarria, Volalla, Xianas Galletas Artesás e Yatecomeré foron os produtores que nesta primeira edición presentaron os seus produtos gourmet que despuntan pola súa calidade, excelencia, innovación ou porque marcan tendencias.

Tras os traballos de montaxe, a organización empezará xa a preparar a cita do ano que vén.