Máis de vinte proxectos presentados á convocatoria “Espazo Creactivo”

O pasado día 15 pechou o prazo para a presentación de ideas “Espazo Creactivo”, destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio sito na Rúa Santa Clara.

A Convocatoria Espazo CreActivo é unha iniciativa proposta dende Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; unha convocatoria de ideas que nace co obxectivo de unir e enriquecer aos participantes e ao tecido emprendedor da propia cidade.

No periódo de presentación de ideas, os alumnos de Grao e Posgrao do Campus de Pontevedra tiveron oportunidade de visitar as instalacións para que inspirasen as súas propostas e adaptar o máximo posible as súas ideas ao espazo dispoñible, comentar dúbidas e consultar diversos aspectos da convocatoria.

Finalmente, un total de 21 proxectos foron presentados a través da plataforma dixital habilitada ao efecto dentro da páxina web do Concello de Pontevedra. As aportacións son heteroxéneas e tanto Concello como Univesidade queren agradecer aos alumnos a súa alta participación. 

As ideas participantes na convocatoria serán valoradas por un xurado independente, conformado por Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Antón Prieto por parte do Concello de Pontevedra; Alberto Dafonte, membro do persoal docente da Universidade de Vigo e Elisa Díaz e María Novas, como arquitectas e profesionais no campo da dinamización de espazos colectivos de traballo.

O xurado recibirá e valorará os proxectos de xeito individual nunha primeira volta e porá en conxunto as súas impresións en torno ao 15 de maio, data na que se fará pública a súa deliberación e, polo tanto, os proxectos seleccionados.

Terán en conta a súa orixinalidade e da súa viabilidade técnica e económica. As/os creadoras/es dos proxectos gañadores optarán a posibilidade de implantar as súas ideas e recibirán unha dotación económica de 500€.

As categorías de premios serán comunicación e identidade gráfica do espazo; humanización e reorganización dos espazos comúns e un apartado xeral de contidos, tal e como foron presentadas as propias solicitudes.

As ideas premiadas serán levados a cabo polos gañadores nunha segunda fase de desenvolvemento dos proxectos e de implementación práctica dos mesmos. Para iso os participantes contarán co apoio e tutoría dunha serie de empresas que se atopan dentro de “Pontevedra ten un Puntazo” e que serán elixidas en función do tipo de proxectos e as necesidades dos mesmos.

Para máis información sobre a convocatoria, o Concello pon a disposición das/os interesadas/os o seguinte correo electrónico: espazocreactivo@pontevedra.gal, no que tamén se poderán realizar solicitudes de visita ó edificio.