Mañá comeza o Pont-Up Store cunha intensa xornada de actividades en torno ao emprendemento creativo

Un Day Breaker, unha sesión de Coaching executivo, un Fab Lab de imprensión 3D, o programa Erasmus para Emprendedores, obradoiros, mesas de debate e actividades de dinamización, centran a programación desta xornada previa ao encontro que terá lugar venres e sábado na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra

Este ano o Pont-Up 2016 aplica a innovación desde o seu mesmo acto de apertura. Mañá xoves ás 8:30, a terceira edición do encontro dará o pistoletazo de saída cun DAY BREAKER que terá lugar na entrada da Facultade de Ciencias Sociais, no Campus da Xunqueira. Esta orixinal apertura consistirá nunha inspiradora sesión matinal de música, baile, zumes e mindfullness, na que cargaremos pilas para participar nunha intensa xornada de actividades. Varios emprendedores da cidade serán os encargados de guiar a sesión: Low Pressure Fitness e Academia Toni Pilates na parte deportiva e de relaxación; A Tenda da Gata, AguaKm0 e Colmealoe achegando bebida e comida saudable para comezar o día a tope de enerxía.

Na Casa das Campás, impartiranse 2 sesións de Coaching Executivo para persoas emprendedoras en economia social, organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria baixo o título ‘Fortalece a túa idea de Proxecto’. Pola maña, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 16 a 20h.

No Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais, entre as 12 e as 14h, no desenvolverase unha mesa de debate en torno ás Experiencias da Economía Social nas Industrias Culturais en Galicia e Norte de Portugal. A sesión está organizada pola Federación de Cooperativas Sinerxia que nos achegará as experiencias de 7H Sociedade Cooperativa Cultural (Galicia); Vilamincha Sociedade Limitada Laboral (Galicia); e unha iniciativa de economía social de Portugal. A entrada é libre ata completar aforo.

Durante toda a xornada estará funcionando o Fab Lab Demostrativo de Impresión 3D e Gravado Láser no 1º andar da Facultade de CC Sociais. Alí será posible asistir a demostracións e sesións de iniciación; e coñeceremos as experiencias de Orballo Printing, Innovadhoc, NORT3D, GALIPRINT, TXAPU. A entrada é libre en horario de 11 a 14 e de 16 a 20.

Xa pola tarde, entre as 16 e as 19h, AJE propón na súa sede a charla ‘Que a túa empresa brille con luz propia’ na que intervirá Modesto Luis Gómez y Rodríguez, formador de marketing e estratexia do INCYDE, experto e marketing, publicidade e habilidades sociais e de emprendemento.  E na Sala de Xuntas da Deputación de Pontevedra, de 16:30 a 20:30, desenvolverase unha actividade de Dinamización do Cooperativismo no Sector Cultural, dentro dun programa que leva desenvolvéndose toda a semana e que finalizará o venres ás 18:30 coa presentación do proxecto da asociación MÚSICOS AO VIVO, que co apoio da administración vai poñer en marcha unha cooperativa de facturación, similar ás que xa funcionan en Cataluña e Madrid, coa que poderían dar cobertura ao sector musical galego e converterse no principal motor da cultura en Galicia.

Erasmus para Emprendedores

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presentará o programa europeo “Erasmus para Mozos Emprendedores” na Casa das Campás ás 19:15 horas. Cun equipo de socios composto por sete países, a Cámara de Santiago axudará na selección e localización de mozos emprendedores cun plan de negocio viable para que adquiran as habilidades necesarias e poidan crear ou dirixir con éxito unha pequena ou mediana empresa en Europa. A técnica do departamento de Proxectos da Cámara, Belén Mendoza sinala que o programa facilitará e mellorará a “mobilidade” dos novos emprendedores e a participación de empresarios experimentados como empresas de “acollida”. No caso de noveis ou potenciais emprendedores, sinala que, para optar á axuda, que varía de contía segundo o país de destino, é preciso que a súa empresa non teña máis de tres anos, que o emprendedor fale un segundo idioma e que sexa residente permanente nun dos 37 países participantes. Ademais, dúas emprendedoras galegas, a viguesa Sandra Touza e a santiaguesa Margarita Murillo, ofrecerán o seu testemuño na xornada relatando a súa experiencia na última edición do programa “Erasmus para Mozos Emprendedores”.

Espazo de Emprendemento: stands e actividades vernes e sábado

O venres e o sábado, na carpa do PONT-UP STORE, haberá un programa continuado de actividades propostas polos emprendedores e continuarán tamén as actividades do programa oficial, entre as que destaca pola maña a demo de realidade virtual (VR) que terá lugar o venres a partir das 11:45 no espazo multiusos da carpa e na que se mostrarán algúns dos proxectos e gravacións que se van poder ver en Pontevedra durante a celebración do evento de tecnoloxías 360, TEK-FEST. E pola tarde, a proposta estrela desta edición, o Puntazo Exprés, que se desenvolverá na Casa da Luz, de 19:30 a 21:30. Trátase dun ‘speed dating’ que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, promovido pola Concellería de Promoción e que ofrecerá a 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio en breves encontros cos responsables de cinco importantes grandes empresas e marcas galegas de diferentes sectores: FINSA, QUBITIA, PÉREZ TORRES MARÍTIMA, IDOIA CUESTA e DIMENSIONA. Os proxectos de emprendemento seleccionados para participar son A tenda da Gata, Polo Correo do Vento, Toupa Monstro, eCom Galicia, Somos Océano, Dogoplay, GEOMATI-K ingeniería, O Garaxe Hermético Retranca Editora, Deep Data Lab, e Gazehits.

PROGRAMA COMPLETO: http://pontupstore.com/2016/images/documentos/programa_pontupstore_2016.pdf PDF

PUNTAZO EXPRÉS: http://pontupstore.com/2016/images/documentos/puntazo-expres_pontupstore.pdf