Nace Etiqueta Negra, o encontro da creación gastronómica gourmet

Desde que a alimentación pasou de ser unha necesidade a ser un pracer, desde que
incorporamos os sentidos na gastronomía, xa non abonda con saciar a fame. Cada vez
pedímoslle máis aos alimentos: ademais da reivindicación da calidade e da procura
inescusable da mellor materia prima, buscamos experiencias culinarias excepcionais.
A gastronomía galega é todo un referente e un importante motor da nosa economía. Os
nosos produtos son sinónimo de calidade, tradición e autenticidade; produtos de gran
calidade artesanal, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, elaborados coa mellor
materia prima e con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio,
traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do
estranxeiro.
Coa intención de poñer en valor e consolidar a imaxe deste sector, o Concello de
Pontevedra organiza unha feira profesional que abre tamén as súas portas a un público
cada vez máis especializado e esixente, que se informa para coñecer o que está a
consumir, que lle gusta probar sabores e experimentar texturas novas. Nace así Etiqueta
Negra, que baixo o lema “gourmet galego, inspiración innovadora”, pretende amosar
tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta gama que se están a facer en
Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.
Etiqueta Negra aspira a converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do
país, que reunirá nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores
co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a
excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. Será o mellor escaparate para
presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e
comercialización especializada progresa día a día.
Coa participación de prestixiosos expertos nun programa de actividades atractivas para
os visitantes (catas, degustacións, conferencias, presentacións de produtos…), Etiqueta
Negra convídanos a descubrir o máis selecto do mercado galego de produtos de calidade
diferenciada e marca premium.

Etiqueta Negra celebrarase os 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral do Pazo da Cultura, de 11.00 a 20.00 horas.

Máis información en www.etiquetanegragourmet.com