Nace o Observatorio Urbano de Pontevedra

Proporcionar ao Concello e os axentes sociais a información obxectiva necesaria para a toma de decisións no marco de desenvolvemento local, a mellora da prestación de servizos á cidadanía e da interacción entre os axentes sociais e informar ós cidadáns dos principais datos relacionados co Concello, mediante o acceso a información estruturada e de fácil. Son os obxectivos cos que nace o Observatorio Urbano de Pontevedra, froito da colaboración do Concello e da Universidade de Vigo.

“E o primeiro produto de investigación/transferencia que sae do campus Crea” subliñaron a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulias e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Xoán Manuel Corbacho. Trátase dun proxecto multidisciplinar, sustentábel e vivo co que se quere obter unha visión da realidade da cidade. O Concello aporta para o desenvolvemento deste Observatorio Urbano 15.000 euros.

Ao fronte está o profesor Pedro Figueroa, director do grupo de investigación G4 plus da Universidade de Vigo quen coordinará o traballo e os máis de trinta docentes e expertos que aportarán traballo e coñecemento.

O Observatorio Urbano vai un paso máis alá da petición feita no seu día polo Consello Económica e Social (CES) de Pontevedra de ter unha diagnose da realidade socioeconómica da cidade e da contorna, xa que terá prolongación no tempo e recompilara e avaliará datos económicos, empresariais, demográficos, de cohesión social … que están dispersos por distintos organismos oficiais e entidades. Datos que o Observatorio enmarcará no Concello, na comarca, na área de influencia e en relación coas sete cidades galegas.

Xa ten feito un primeiro avance do Informe socioeconómico 2015 que amosa que Pontevedra conta cun saldo demográfico positivo en relación as outras cidades galegas -por exemplo ten a idade de poboación máis baixas das 7 cidades de Galicia, 42,5 anos, á vez que presenta as mellores porcentaxes de poboación máis nova, o 19% ten menos de 20 anos e a mellor taxa de natalidade- e que atópase nunha situación intermedia nos indicadores de renta e emprego -por exemplo, nos ingresos mensuais medios nos fogares ou nos índices de paro-.