O alcalde recibe a Luis Taboada, fundador de Qbitia, empresa que posiciona a Pontevedra no eido da innovación

  • A empresa, con sede na Parda, creou unha plataforma de software para mercados de capital e está presente en máis de 30 países
  • Taboada: “Pódese facer calquera tipo de innovación, en calquera sector dende aquí”

Pontevedra posiciónase no eido da innovación. Empresas como Qbitia, creadora dunha plataforma de software para mercados de capital, para investir en Bolsa e que ten presencia en máis de 30 países son un bo exemplo. O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías recibiu hoxe ao CEO e fundador de Qbitia, Luis Taboada.

Qbitia é unha empresa “xenuinamente” pontevedresa. Creada no ano 2011, conta con 17 traballadores e “está competindo a nivel internacional dende a cidade de Pontevedra, dende o barrio da Parda” subliñou o alcalde que fala da necesidade de “visibilizar que é posíbel xerar actividade económica e emprego neste mundo globalizado, dende unha cidade que en principio está fóra dos circuítos financeiros”. O éxito da iniciativa queda probado en cifras como os máis de 2 billóns de dólares de inversións xestionados pola plataforma creada pola compañía e coa súa presenza en mercados de capital como os de Londres, Chicago ou Nova York.

“Pontevedra é a miña cidade e gústame estar aquí” sinalou Luis Taboada quen subliñou que el e os outros membros da empresa imaxinan “o futuro aquí”. O fundador de Qbitia -elixido un dos cen executivos, de entre 30 e 42 anos, máis influentes do Estado polo Instituto Choiseul- aproveitou para “animar á xente a que emprenda, e que emprenda desde esta cidade pois hoxe en día co ecosistema que hai baseado nas novas tecnoloxías pode facerse”. “Pódese facer calquera tipo de innovación e de calquera sector desde aquí”.

Máis información http://qbitia.com/about-us/