O alcalde visitou o obradoiro de creación de tecidos e superficies que se desenvolve en Esdemga

  • O TEK-FEST inicia os seus talleres de innovación e deseño a partir da memoria de Pontevedra

A segunda edición do TEK-FEST, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio de Pontevedra, arrancou nesta xornada co taller “Calor e memoria”, que imparte durante toda a semana a prestixiosa deseñadora viguesa Arantza Vilas, creadora de parte dos tecidos que se poden ver na serie “Xogo de Tronos” (HBO). Pola tarde inaugúrase oficialmente o festival coa apertura da Mostra Internacional de Realidade Virtual e Patrimonio, no Museo de Pontevedra.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá a Escola de Deseño de Moda de Galicia (Esdemga) onde comezaba o taller de Arantza Vilas. Acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e pola directora da Escola de Deseño de Moda de Galicia, Lola Dopico, Fernández Lores puido coñecer de perto as innovadoras técnicas e materiais cos que adoita traballar Pinaki Studios. Así se chama o estudio que fundou Arantza Vilas (Vigo, 1975) no Reino Unido, especializado na investigación e deseño de superficies e tecidos, que se empregan en producións de cine e televisión, especialmente de época ou de fantasía, tal como explicou a deseñadora, que tamén traballou para series como “Os tres mosqueteiros” da BBC.

Para “Xogo de Tronos”, o estudio de Arantza Vilas creou unha tela plisada con volume e efecto tridimensional que é de seda pero semella metálica, e que foi tratada cunha técnica na que aplica a calor, como fará neste obradoiro que organiza o TEK-FEST, e que se desenvolverá durante toda a semana. Nel apuntáronse 12 participantes, profesionais e estudantes de deseño de moda e belas artes.

Na xornada de hoxe o grupo tamén acudiu ata o Museo de Pontevedra, onde puideron observar pezas de roupa e complementos que se conservaban no museo, como inspiración para as cores, formas e texturas que aplicarán no traballo que leven a cabao no taller.

No marco do TEK-FEST este mércores Arantza Vilas dará unha conferencia aberta ao público, na que explicará o traballo e a traxectoria de Pinaki Studios. Será o mércores 27 ás 19h na Casa da Luz, e a entrada é libre ata completar aforo.

Inauguración da Mostra de Realidade Virtual e Patrimonio.
Ás 5 da tarde inaugúrase a Mostra Internacional de Contidos de Realidade Virtual e Patrimonio, que por primeira vez organiza o TEK-FEST, no Museo de Pontevedra. En horario de tarde, do martes ao sábado as persoas que se acheguen poderán ver ata 6 obras seleccionadas de distintos paísese como México, Estados Unidos ou Polonia, e tamén obras feitas en España como a experiencia virtual da serie “El ministerio del tiempo” ou o premiado fashion film “Fragments”, rodado na Illa de San Simón.

O TEK-FEST continúa a súa programación ata o sábado 30 de setembro.
Máis información en http://tek-fest.com/