O Mercado de Abastos

mercado de abastos de pontevedra

O Concello vén demostrando ao longo do tempo a súa firme e decidida aposta polo comercio local. O proceso de peonalización da cidade e a aposta pola calidade urbana converten a Pontevedra nun lugar onde a actividade comercial e a vida na rúa dos cidadáns retroalimentanse, tornando a vida diaria moito máis confortable.

Un exemplo de esta aposta local é o Mercado de Abastos da rúa Serra. Tradicionalmente os mercados desempeñaban un papel fundamental na vida económica, social e cultural das cidades, coa súa capacidade para crear riqueza e emprego, xerar áreas de convivencia social e contribuír a mellorar a calidade urbana.

Pese a que nos últimos anos asistimos a un certo declive dos mercados debido a cambios nos patróns de compra, consumo, alimentación e distribución comercial, ao crecemento das cidades, ao xurdimento de centros comerciais… en Pontevedra, o Mercado Municipal goza dunha grande personalidade centrada na arquitectura do propio edificio e na oferta de peixe fresco, mariscos e produtos da terra. O mercado fala da nosa idiosincrasia, sendo un espazo con moito arraigo entre os cidadáns xa que forma parte da intensidade da cidade.

Aproveitando o interese xeralizado que nos últimos anos están espertando os mercados locais e campañas institucionais a nivel internacional na liña de “Like your market!” desenvolverase unha campaña propia, pensada desde e para Pontevedra, que envolva á cidadanía no mercado, que empatice coa nova idea de mercado, tanto no espazo físico como conceptual. En contraposición das campañas previas, que tomaban como protagonistas os vendedores, propoñemos unha campaña protagonizada polas persoas que acoden habitualmente, ou que están empezando a ir, ao mercado.

Contra unha tendencia de mercado e ocio focalizado nas grandes áreas, Pontevedra ofrece un concepto distinto, no centro da cidade, con produtos e alternativas de ocio de calidade.

Proxección exterior

Paralela e complementariamente á proxección exterior que xa ten Pontevedra, a finalidade desta nova etapa é tamén servir de punto de conexión con outras cidades galegas, do Estado e tamén a nivel internacional. O mercado poder ser un factor que interrelacione e conecte a Pontevedra con outras cidades e países, ben para o intercambio de produtos, profesionais e experiencias, ben para a promoción turística e cultural.

Actividade cultural do mercado

Ademais dun espazo de venda, este concepto de mercado incluirá tamén unha serie de accións e actividades que fagan do espazo da rúa Serra un punto de encontro, tanto da cidadanía de Pontevedra, como dos visitantes.

O Concello está traballando neste momento nunha revisión integral do mercado e das súas posibilidades para convertilo nun gran foco de dinamización comercial e económica. As propostas daranse a coñecer nos vindeiros meses.

¿Queres coñecer o Mercado de Abastos? Preme aquí para unha visita de 360º!

Contacta!

Enderezo
Enderezo electrónico
Teléfono
Horario de atención ao público