O mundo da comunicación e a publicidade entra en Pontevedra ten un puntazo

Tres referentes no mundo da comunicación e publicidade na nosa cidade serán os protagonistas da próxima presentación de Pontevedra ten un puntazo, a primeira das actividades do calendario deste ano. Trátase das empresas Ovo Publicidade, Era Comunicación e Trisquelia.

O tema central da nova cita de Pontevedra ten un puntazo -iniciativa promovida pola Concellería de Promoción Económica e da Cidade- será a colaboración entre empresas para o desenvolvemento de proxectos conxuntos como é o seu caso coa realización da feira gourmet “Etiqueta Negra”, entre outros.

O obxectivo deste tipo de presentacións é dar visibilidade ás empresas que forman parte do tecido económico e achegar á cidadanía os seus traballos e servizos. O vindeiro xoves, 2 de marzo, ás 20.00 horas na Casa da Luz volverá a ser o escenario da creatividade e innovación empresarial local.

ERA COMUNICACIÓN

O estudio Era Comunicación cumpre 15 anos adicado o deseño e a publicidade en Pontevedra e o celebra recibindo un Premio Nacional de Deseño Anuaria, na categoría de Mellor Cartel, polo realizado para a Festa do Mar.

En Era asumen cada proxecto como un reto, unha oportunidade para innovar e buscar solucións para o cliente, “somos conscientes de que o deseño provoca emocións e nós buscamos só as mellores”

OVO PUBLICIDADE

Ovo Publicidade é unha axencia de publicidade de servizos integrais que abriu ás súas portas en Pontevedra no ano 2002 despois de que o seu fundador -Ismael Calvo, que segue a dirixir a empresa na actualidade- traballase como director creativo en distintas axencias de publicidade galegas.

A axencia ofrece servizo de publicidade, comunicación empresarial, deseño, relacións públicas e organización de eventos a todo tipo de empresas e entidades.
Nos últimos anos desde a axencia deseñáronse e e producíronse -entre moitas outras- campañas de grande repercusión nacional como as tres últimas do Concello de Pontevedra para o “25 de Marzo, día contra a violencia machista”, que conseguiron converter a Pontevedra no centro de interese e referencia das campañas publicitarias de concienciación social. Tamén podemos destacar os seus traballos editoriais e de comunicación relacionados co mundo da cultura. Ademais colaboraron xunto con outras empresas da cidade en proxectos como a organización integral da “Feira Etiqueta Negra Gourmet Galego”, ou o desenvolvemento do programa APEGO de fomento da transmisión da Lingua Galega que se está a desenvolver por toda Galicia da man dos servizos de Normalización Lingüística de máis de 20 concellos de Galicia.

TRISQUELIA COMUNICACIÓN

Nacida en 2001, Trisquelia é unha empresa con experiencia acreditada e especializada na xestión integrada da comunicación global dunha empresa ou dunha organización. Desenvolve a súa actividade sobre tres áreas de servizos: deseño, comunicación e eventos profesionais.

Trisquelia está formada por un equipo de profesionais altamente cualificado e motivado, con anos de experiencia no sector, que se implica e participa activamente en cada traballo. Por iso, despois de 16 anos, a empresa segue contando coa confianza de moitos dos seus primeiros clientes.