O Pont-Up Store 2016 xuntará en Pontevedra a emprendedores de todo o Estado en setembro

Esta mañá presentouse na Praza de España de Pontevedra unha nova edición de Espazo de Emprendemento pont-Up Store que volverá a converter a Pontevedra na capital do emprendemento de Galicia en setembro e no que se darán cita emprendedores, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo.

O encontro celebrarase o 22, 23 e 24 de setembro.

A inscrición é gratuíta a través da web www.pontupstore.com

Na presentación participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a concelleira de Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia; e Pedro Figueroa director do evento, que presentou a web www.pontupstore.com a través da que poden inscribirse os participantes ata o 30 de xuño. A continuación, o comité organizador do Pont-Up Store e emprendedores de anteriores edicións repartiron tatuaxes temporais con mensaxes de emprendemento arredor do ‘Emprende’, Lánzate’, ‘Segue’ ou ‘Únete ao Movemento Up’. Ao remate soltáronse globos coa imaxe da campaña deste ano, centrada no MOVEMENTO UP! para espallar por todo o país a actitude emprendedora que inundará as rúas da cidade o próximo outono.

O alcalde destacou a importancia de ‘levar ao espazo público a capacidade creativa’ e ‘axudar a consolidar Pontevedra como un espazo de emprendemento capaz de dar saída ao talento das persoas emprendedoras, xerando valor engadido e creando traballo diferente e alternativo para que sexamos capaces de vivir dignamente na nosa terra”. Pola súa banda, o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou a aposta da Universidade por ‘este tipo de iniciativas que teñen por obxecto promover na sociedade a cultura do emprendemento’ e destacou que ‘a iniciativa parte dun grupo de investigación da universidade dirixido por Pedro Figueroa que pretence á Agrupación Estratéxica de Economía ECOGAS a única recoñecida pola Xunta o cal significa que na Universidade de Vigo temos os mellores economistas de toda Galicia’.

Finalmente, Pedro Figueroa, director do evento, asegurou que ‘despois do éxito das anteriores edicións, iniciamos esta terceira coas pilas cargadas e unha ilusión redobrada para converter o pont-Up Store na referencia do novo emprendemento e nunha ferramenta útil para a consolidación de proxectos emprendedores’. Figueroa avanzou as novidades do programa explicando que ‘son froito das ideas de mellora que recollemos na enquisa de satisfacción que os participantes nos achegaron o ano pasado e que foi moi motivadora para nós polos excelentes resultados (4,19 sobre 5)’. Pedro Figueroa rematou a súa intervención afirmando que ‘non hai emprendemento sen innovación’ e asegurou que o Pont-Up vai esmargar os miolos para , de xeito creativo, converterse no líder do emprendemento galego.

O Pont-Up Store concentará este ano a actividade en tres días: unha xornada previa o xoves 22; e o espazo emprendedor instalado baixo a carpa da Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro. Nesta edición o Pont-Up Store chea cargado de actividades complementarias que suporán un forte atractivo para participantes e visitantes e que contemplará aspectos relacionados co cooperativismo e a economía social, o financiamento, a internacionalización, e as tendencias do ecosistema emprendedor, a través de sesións de networking gamificado, charlas, encontros, obradoiros, unha maratón creativa e un fab lab onde se xuntarán makers de todo o país. A destacar a actividade do programa Erasmus Emprendedor, o encontro de emprendemento no ámbito musical, as sesión de networking entre os emprendedores de todas as edicións e un acto de apertura moi orixinal o xoves a primeira hora da mañá denominado DAY BREAKER e no que está previsto organizar unha inspiradora sesión matinal de música, baile, zumes naturais e mindfullness para afrontar con mente positiva os tres días de intensa actividade. Ademais, nesta edición a organización quixo ofrecer aos participantes un binomio negocio + ocio con actuacións musicais programadas para a noite do venres 23. O sábado 24, no acto de clausura entregaranse os premios PONT-UP STORE 2016 ao mellores proxectos de emprendemento.

En canto ás modalidades de participación, ata o 30 de xuño será posible solicitar un stand gratuíto que se poderá dinamizar libremente, ou propoñer actividades para o programa do espazo de emprendemento. O comité organizador comunicará a mediados de xullo os proxectos seleccionados entre todas as propostas recibidas ata completar un máximo de 36 stands pero abrindo a posibilidade de participación a moitas mais empresas que poderán presentar propostas de dinamización durante os dous días do encontro. Ademais preséntase como unha das grandes novidades unha terceira modalidade de participación que levará por nome PUNTAZO EXPRéS e que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, da concellería de Promoción da cidade, encabezada por Anabel Gulías. Esta modalidade abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá aos mellores emprendementos a oportunidade de presentar os seus proxectos a importantes entidades e grandes empresas de diferentes sectores.

Este ano adiántanse as datas de presentación de candidaturas que xa están abertas desde o luns 30 de maio. De feito a organización xa conta con empresas rexistradas. Este espazo está dirixido a novos emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Participar é de balde, pero será preciso superar un proceso de selección. O Comité Organizador desta edición 2016 será o encargado de baremar e seleccionar os proxectos presentados aplicando criterios de valoración sobre o grao de innovación para o mercado, sustentabilidade e valor social (no caso de emprendemento social), creatividade da proposta de actividades de dinamización do evento, entre outros. Priorizaranse candidaturas que non teñan participado en anteriores edicións e buscarase a diversidade de participantes en canto productos/servizos, sector de actividade e forma xurídica da empresa.

O Pont-Up Store está promovido pola Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e outras entidades públicas e privadas (Consello Social da Universidade de Vigo, Zona Franca de Vigo, Abanca, Deputación de pontevecdra e Igape, entre outros. O seu comité organizador está integrado por un equipo de docentes da Universidade de Vigo, emprendedores que participaron nas pasadas edicións e representantes do emprendemento social.

MEMORIA: http://pontupstore.com/web/images/Memoria_Pont_Up_Store_2015.pdf

SPOT: http://tv.uvigo.es/es/video/mm/28153.html

VÍDEO: http://tv.uvigo.es/es/video/mm/28154.html