O Pont-Up Store presenta un intenso programa con 3 días de actividades centradas na innovación, a creatividade e a economía social

A gran aposta deste ano será o ‘speed dating PUNTAZO EXPRÉS, no que 10 emprendementos terán a oportunidade de presentar as súas ideas ante cinco grandes empresas e marcas galegas de proxección internacional.

A programación do PONT-UP STORE 2016 foi presentada esta mañá, na sala de prensa do Concello de Pontevedra, polo director do encontro, Pedro Figueroa; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, quen manifestou que “o PONT-UP STORE chegará a finais de mes a Pontevedra por terceiro ano consecutivo co obxectivo de invadir a cidade de emprendemento e convertela nunha referencia a nivel global”. A continuación, Pedro Figueroa debullou o programa, integrado por mais de 30 actividades enfocadas ao desenvolvemento da cultura emprendedora. Figueroa destacou a “variedade das propostas emprendedoras, cunha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica” e afirmou que “o Pont-Up Store quere conseguir que Pontevedra se transforme nunha cidade innovadora capaz de acoller os emprendementos mais punteiros de Galicia e por que non, do resto do Estado”.

Nesta edición a actividade concentrarase en tres días: unha xornada previa o xoves 22 con charlas e encontros en distintos espazos da cidade; e dúas xornadas mais centradas na carpa que estará instalada na Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro, onde ademais de coñecer os 33 proxectos emprendedores seleccionados para ocupar os stands, o público poderá participar nas actividades de dinamización propostas polos emprendedores.

Todos os proxectos escollidos son emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a súa creación, seleccionados seguindo criterios de valoración sobre o grao de creatividade, innovación, potencial de crecemento e impacto económico e/ou social.

 

Xornada Previa

Este ano o Pont-Up 2016 aplica a innovación desde o seu mesmo acto de apertura o xoves ás 8:30, cun DAY BREAKER que terá lugar no campus da Xunqueira, e que consistirá nunha inspiradora sesión matinal de música, baile, zumes e mindfullness, na que cargaremos pilas para participar nunha intensa xornada de charlas, mesas redondas, obradoiros, networkings e demostracións, con poñentes de primeiro nivel. As tendencias do ecosistema emprendedor estarán presentes durante todo o encontro a través de sesións de networking gamificado, charlas, obradoiros, unha maratón creativa e un FAB LAB, unha fábrica de creatividade arredor da impresión 3D e o Gravado Láser, onde varios emprendedores mostrarán produtos e servizos; e tamén impartirán cursos de iniciación ás tecnoloxías de impresión 3D.

Ademais, esta edición estará moi centrada en aspectos relacionados co cooperativismo e a economía social nas que destaca unha sesión de Coaching Executivo para persoas emprendedoras en economia social e a presentación o venres ás 18:30 do proxecto da asociación MÚSICOS AO VIVO, que co apoio da administración vai poñer en marcha unha cooperativa de facturación, similar ás que xa funcionan en Cataluña e Madrid, coa que poderían dar cobertura ao sector musical galego e converterse no principal motor da cultura en Galicia.

Espazo de Emprendemento

Xa a partir do venres 23, na carpa do PONT-UP STORE, haberá un programa continuado de actividades propostas polos emprendedores: obradoiros para pequenos emprendedores; como facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos; adestrar a nosa boa sorte; aprender a elaborar cervexa;  introducirse na arqueoloxía; ou facer pasteliños de arroz. Tamén sesións prácticas de pedagoxía Montessori; montaxe dun coche en equipo; demostracións de robótica; unha gimkana de probas mediante a APP DOGOPLAY; a presentación da revista infantil ALEHOP; contacontos e a presentación dun disco.

En paralelo haberá propostas tan interesantes como unha demo de realidade virtual (VR) ás 11:45, con mostra dalgúns dos proxectos e gravacións que se van poder ver en Pontevedra os días durante a celebración do evento de tecnoloxías 360, TEK-FEST.

ABANCA será a responsable do obradoiro ‘Preparados para o investimento: O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa’, que impartirá a coordinadora adxunta de Educación superior de AFUNDACIÓN. AJE, pola súa parte, propón a charla ‘Que a túa empresa brille con luz propia’ na que intervirá Modesto Luis Gómez y Rodríguez, formador de marketing e estratexia do INCYDE. A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela súmase á programación coa presentación ERASMUS PARA NOVOS EMPRENDEMENTOS: Programa de Mobilidade e intercambio de coñecementos con empresarios exeperimentados en Europa, a cargo da experta en programas europeos Belén Mendoza. E a Deputación de Pontevedra, a través do seu asesor TIC, Alberto Falcón, encargarase de impartir o obradoiro ‘Coñece a rede SAMRTPEME e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais’. O programa complétase con dúas sesións de networking no que participarán emprendedores de todas as edicións para seguir creando vínculos entre unha comunidade que nestes momentos alcanza xa as 150 empresas involucradas a través das 3 edicións do PONT-UP STORE. Ademais, a organización quere ofrecer aos participantes un binomio negocio + ocio con actuacións musicais programadas para a noite do venres 23. O sábado 24 ás 20:30 terá lugar o acto de clausura no que se entregarán os premios aos mellores emprendementos.

Pola súa parte, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, fixo fincapé na grande aposta da Universidade de Vigo por este encontro, unha idea promovida desde o Campus Crea de Pontevedra, que naceu co obxectivo de levar á rúa o que se fai na Universidade e de crear alianzas entre o mundo académico e o tecido empresarial. Para Corbacho, “o PONT-UP STORE consegue facer funcionar ese binomio universidade-empresa e grazas o apoio das institucións converteuse nun encontro moi demandado por novos emprendementos, como o demostran as 3 solicitudes por stand que obtivemos este ano”.

Puntazo Exprés

Na rolda presentouse tamén a gran aposta desta edición, o ‘speed dating’ PUNTAZO EXPRÉS, que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, promovido pola Concellería de Promoción da Cidade e de cuxa rede forman parte xa 70 empresas. A súa responsable, Anabel Gulías, foi a encargada de explicar a dinámica desta modalidade de participación que ofrecerá a 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio en breves encontros cos responsables de cinco importantes grandes empresas e marcas galegas de diferentes sectores: FINSA, QUBITIA, PÉREZ TORRES MARÍTIMA, IDOIA CUESTA e MONET VITICULTURA. O PUNTAZO EXPRÉS terá aberto o seu prazo de candidaturas ata o 15 de setembro. Gulías salientou que o Concello quere “trasladar á rúa este proxecto para que todo o mundo poda coñecer de primeira man unha iniciativa capaz de xerar emprego e coa que se proba a capacidade que temos en Galicia de superar circunstancias económicas adversas botando man da creatividade, e co apoio de lanzadeiras como esta que deben poñerse en marcha desde as institucións”.

PDF: http://pontupstore.com/2016/images/documentos/puntazo-expres_pontupstore.pdf

PROGRAMA COMPLETO: http://pontupstore.com/2016/images/documentos/programa_pontupstore_2016.pdf

Máis información en

www.pontupstore.com