O proxecto PonteVR, creado no TEK-FEST, aspira a levar o patrimonio fotográfico da cidade a festivais internacionais de realidade virtual

Unha serie de imaxes panorámicas actuais en 360º que integran fotografías antigas de Pontevedra en 3D compoñen o prototipo do proxecto PonteVR, creado esta semana polos 12 participantes no taller “Realidade virtual e patrimonio fotográfico”, dentro do TEK-FEST , e que se presentou esta tarde no Museo de Pontevedra coa presenza da concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías e de Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías.

Foi Toño Cabanelas, director creativo do TEK-FEST e profesor deste obradoiro, o encargado de presentar este traballo colectivo “feito nun tempo récord”, que é pioneiro no mundo. «Ata agora ninguén fixera experiencias en realidade virtual que combinaran fotografías estereoscópicas de principio do século XX con imaxes actuais dos mesmos lugares, fotografadas en 3D e coa mesma perspectiva», sinalou outro dos mentores do workshop, Antonio Víctor García-Serrano “Zakato”, considerado un dos mellores camarógrafos en 360º do mundo.

O público asistente puido ser o primeiro en descubrir a experiencia de ver estas imaxes nas gafas de realidade virtual, no que Cabanelas denominou «unha viaxe non só no espazo senón tamén no tempo» que contribuirá a que Pontevedra se siga dando a coñecer en todo o mundo. O director do TEK-FEST desvelou a intención de enviar a peza ao circuíto de festivais de cine e contidos dixitais que está cada vez mirando máis ás obras feitas para realidade virtual.

En PonteVR pódense ver varias imaxes panorámicas de Pontevedra sacadas dende a torre da Igrexa da Peregrina, desde a Ponte do Burgo, nas ruínas de San Domingos ou na Praza da Leña. A peza, ou polo menos este prototipo inicial feito no marco do TEK-FEST, queda incluída a partir desta tarde no catálogo de obras que se poden disfrutar na Mostra de Realidade Virtual e Patrimonio, que estará aberta ata o sábado 30 no mesmo Museo de Pontevedra. Así, calquera persoa que se achegue ata alí poderá ver en primicia a primeira fase dun proxecto que, segundo sinalaron os asistentes, «debería ser unha aposta estratéxica a longo prazo para seguir situando a Pontevedra na vangarda dunha tecnoloxía que, ata agora, moi poucas cidades do mundo están a aproveitar en clave de difusión da cultura e o patrimonio».

A Mostra de Realidade Virtual e Patrimonio permanecerá aberta ao público o venres de 17h a 21h e o sábado de 11h a 14h e de 17h a 21h. A entrada é gratuíta. O TEK-FEST continúa a súa programación ata o sábado 30 de setembro.

Máis información en http://tek-fest.com/