O Puntazo amosa o seu lado máis artístico nunha nova edición de #chácharasdopuntazo

  • A deseñadora Ana Seoane, o fotógrafo José Chas e os videoartistas Produccións Mutantes serán os protagonistas desta edición e intervirán sobre un local baleiro da Zona Monumental
  • Terá lugar este xoves, 8 de xuño, ás 20.00 horas na rúa Alhóndiga, 8 (detrás do antigo Concello)

Volta de novo o programa de actividades de Pontevedra ten un Puntazo nesta ocasión da man da deseñadora Ana Seoane, o fotógrafo José Chas e os videocreadores de Produccións Mutantes, que presentarán as súas empresas e proxectos este xoves a partir das 20.00 horas.

O evento terá lugar no local baleiro da Rúa Alhóndiga -8, onde ademáis os tres participantes realizarán unha intervención artística nos escaparates do establecemento que poderá visitarse ata o vindeiro 23 de xuño.

Ana Seoane é deseñadora gráfica e de producto, ademáis de ilustradora. A súa carreira profesional está vinculada fortemente á cidade e aos principais eventos culturais que se desenvolven en Pontevedra. A súa actividade centrase na aplicación dos coñecementos adquiridos nunha formación no ámbito das Belas Artes ao mundo do deseño no seu concepto máis amplo, desde a gráfica e ilustración ao mobiliario ou espazos.

O fotógrafo independente José Chas é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e está especializado en fotografía de arquitectura no IEFC (Barcelona). O seu traballo ten sido exposto en diferentes galerías e publicacións, sendo galardoado en 2010 coa II Beca de Creación Fotográfica do Museo do Mar de Galicia co seu traballo “Conservar a Memoria sobre a industria conserveira abandonada en Galicia”.

Os terceiros protagonistas son Produccións Mutantes, un equipo creativo que levan traballando xuntos en Pontevedra dende 2008. Ofrecen ideas diferentes que se moven por sí mesmas, alonxandose da linguaxe convencional e dos cánones clásicos e vellas fórmulas da creación audiovisual; sendo a súa prioridade a eficacia e chamar a atención con cada un dos seus traballos.