O segundo Plan Verea conclúe coa creación de oito proxectos empresariais

    • O 70% das empresas que participaron na primeira edición continúan a súa andaina un ano despois
    • A Casa da Luz acolle hoxe, ás 19.30 horas, o acto de clausura do programa de acompañamento a emprendedores

A Casa da Luz acolle hoxe, ás 19.30 horas, o acto de clausura do programa Verea (I e II edición) unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade pensado para fortalecer o tecido empresarial local. A concelleira Anabel Gulías presidirá o acto.

O Plan Verea é un acompañamento integral e persoalizado para emprendedores/as e empresas en funcionamento que busca que poidan crear o seu proxecto ou, no seu caso, consolidar o negocio que xa teñen. 

Dende o mes de marzo traballaron aspectos como a comunicación, organización, xestión de procesos, cocientes económicos, enfoque estratéxico, etc. Actuouse como un  servizo de consultoría de grandes empresas trasladado ás persoas emprendedoras e empresarias de Pontevedra. 

Na primeira edición conseguiuse, sobre todo, un incrementou da facturación e o emprego; e nesta segunda edición, creáronse 8 empresas, optimizáronse procesos e elaboráronse plans de comunicación.

O resultado destas dúas edicións foi moi positivo, de feito, o 70% das empresas participantes da primeira edición do Plan Verea continúan a súa andaina obtendo, cada vez, mellores resultados.