O Tek Fest homenaxea aos pioneiros da tecnoloxía e conecta á realidade virtual co patrimonio

O TEK-FEST, que se celebra do 25 ao 30 de setembro presentou a súa programación esta mañá no Museo de Pontevedra, sede principal do festival. Serán 6 días de talleres, encontros, conferencias e performances sonoras entorno á relación entre a tecnoloxía e o patrimonio, que é o eixo das disciplinas que abordará o TEK-FEST neste ano: a realidade virtual (VR), a artesanía dixital, a fotografía inmersiva e a innovación aplicada ao deseño de tecidos conéctanse coa a memoria da cidade de Pontevedra para amosar ao mundo a potencialidade de poñer en valor o patrimonio a través das tecnoloxías emerxentes.

O TEK-FEST está organizado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Deputación e da Universidade de Vigo. O concelleiro de Xuventude e Tecnoloxía, Alberto Oubiña destacou o avance que fai este ao o evento no seu obxectivo de democratizar a tecnoloxía, neste caso desde a súa conexión coa memoria da cidade. «Se o ano pasado o lema do TEK-FEST era “a cidade do futuro”, este ano facemos unha viaxe inversa para conectar o pasado e o presente, sempre con esa idea de proxectar o futuro», enfatizou Oubiña, que presentou as liñas principais de traballo e agradeceu a colaboración das demais institucións.

Nesa liña tamén se expresou o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal , que destacou “a necesidade de situarnos na vangarda para comprender o tempo no que vivimos”, especialmente no Ano do Patrimonio, que o ente provincial celebra de xeito especial. A Deputación de Pontevedra aposta polo TEK-FEST como «unha iniciativa con percorrido que axude, a través da tecnoloxía, a estreitar a relación que a cidadanía ten co patrimonio cultural».

A potencialidade que ten o uso do patrimonio nas tecnoloxías emerxentes é algo que salientou tamén Toño Cabanelas, director artístico do TEK-FEST, e responsable dunha das principais actividades formativas que ofrece o festival: o taller de realidade virtual e patrimonio fotográfico do que sará unha peza artística que se enviará a festivais internacionais especializados neste novo medio.

Ademais, o TEK-FEST traera á a Pontevedra a primeira Mostra Internacional de VR e Patrimonio , cunha selección de 6 pezas de realidade virtual, ás que se sumarán os resultados do obradoiro con imaxes en 3D de Pontevedra. A Mostra estará aberta ao público durante toda a semana no Museo de Pontevedra e os títulos que se poderán ver son “Notes on Blindness” (EEUU), “Fuerza imprevista” (México), “El tiempo en tus manos” (España), “Chernobyl VR Project” (Polonia), “Fragments” (Galicia) ou o arquivo estereoscópico de fotografías antigas da Biblioteca Pública de Nova York.

Homenaxe aos ‘tekis’ do século XX

Outro dos pratos fortes, explicou Cabanelas, será a homenaxe que o festival fará aos “tekis” ou pioneiros da tecnoloxía en Galicia. Este ano o protagonista será o finado inventor compostelán Juan Portela Seijo , inventor entre outros moitos aparellos electroacústicos, do Organ Sound, un altavoz modular inspirado nos órganos da catedral de Santiago de Compostela. Trátase dunha peza de gran valor da que se distribuíron 300 exemplares a finais dos anos 60, e que vai ser recuperada polo artista Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, que deseñou unha nova versión do Organ Sound, que se presentará en primicia o venres 29 no Museo de Pontevedra.

Esta homenaxe completarase o mesmo venres cunha sesión de escoita do Organ Sound con selección musical a cargo de Víktor Flores, un dos DJs máis importantes da escena electrónica, e o sábado cun concerto do pianista Daniel Ruiz-Cecconello , que interpretará un repertorio clásico mesturado con electroacústica baseado en Bach, coa inspiración de Wendy Carlos , pioneira da síntese modular dos anos 60-70. Será o sábado 30 áo mediodía nas Ruínas de San Domingos e escoitarase, por suposto, co Organ Sound.

Innovación téxtil con Arantza Vilas

A outra convidada especial do TEK-FEST é a deseñadora e artista téxtil Arantza Vilas , unha viguesa aficada no Reino Unido, onde a través do seu estudio Pinaki Studios investiga e desenvolve novos tecidos e superficies, que se usan en obras artísticas e audiovisuais como “Xogo de tronos” (HBO) ou “Os tres mosqueteiros” da BBC. Arantza Vilas impartirá unha conferencia o mércores 27 e, durante toda a semana, un obradoiro titulado “Calor e Memoria” no que se crearán novos tecidos partindo da memoria téxtil de Pontevedra , que investigarán tamén nos fondos patrimoniais do Museo de Pontevedra.

Lola Dopico, directora de ESDEMGA, que colabora na organización deste taller, destacou o perfil de Arantza Vilas como «moi inspirador, cun espíritu innovador que apostou por un lugar moi híbrido e complexo dentro do deseño, e que lle está a dar moi bos resultados, colocándoa como referencia internacional».

Con ese espíritu innovador e ecléctico, que mira ao futuro tendo como referencia fundamental o pasado, celébrase este ano o TEK-FEST, que quere ser referencia a nivel galego e internacional, e tamén dinamizar a cultura da innovación en Galicia. Para iso a programación acollerá tamén un encontro de festivais e iniciativas de vangarda como o SinSal, o s8, o WOS, o Carballo Interplay, Coruña Dixital ou o festival pontevedrés Novos Cinemas, no que se compartirán experiencias e ideas pasa posibles estratexias de futuro a nivel galego.

Máis informacion na web http://tek-fest.com/