O TEK-FEST pechou nas ruínas de San Domingos a súa segunda edición, dedicada ao patrimonio da cidade Pontevedra

A segunda edición do TEK-FEST, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio, clausurouse este sábado ao mediodía cun concerto de piano nas ruínas de San Domingos, que se puido escoitar grazas á amplificación de dous exemplares do novo Organ Sound, o altofalante inventado en 1972 polo galego Juan Portela Seijo e redeseñado para o TEK-FEST polo artista e tecnólogo Miguel V. Espada. Deste xeito os asistentes puideron gozar en primicia e neste espazo singular do son tubular deste invento, creado polo seu autor orixinal para «imitar o son da natureza».

O pianista Daniel Ruiz-Cecconello , que reside en Bélxica, foi o encargado de estrear en directo este novo Organ Sound, interpretando un repertorio clásico mesturado con electroacústica baseado en Bach, e que incluía tamén pezas de Scarlatti, Debussy ou Martín Códax. O concerto, interpretado cun piano electrónico, inspirouse no traballo da norteamericana Wendy Carlos, pioneira da síntese modular nos anos sesenta.

Na clausura desta segunda edición do TEK-FEST a concelleira de promoción da cidade, Anabel Gulías , destacou o esforzo levado a cabo estes días pola organización do festival para traer a Pontevedra «tecnoloxías, contidos e experiencias ás que pouca xente e poucos concellos teñen acceso», subliñando o compromiso de democratizar as novas ferramentas e poñelas ao alcance de todo o mundo. Tanto ela como Alberto Oubiña , concelleiro de novas tecnoloxías, agradeceron de forma especial á familia de Juan Portela Seijo, presente no concerto, a súa colaboración nesta primeira homenaxe «aos pioneiros do noso país que levaron o seu espíritu innovador ao máis alto na sú época».

Pola súa parte Toño Cabanelas agradeceu a boa acollida da cidade a este proxecto impulsado polo Concello, que contou tamén co apoio da Deputación de Pontevedra e da Universidade de Vigo.

Éxito da Mostra Realidade Virtual e Patrimonio

Desde o martes e durante todo a xornada do sábado foron moitas as persoas que se achegaron ao Museo de Pontevedra para disfrutar dos contidos seleccionados polo TEK-FEST para a primeira Mostra Internacional de Realidade Virtual e Patrimonio que se realiza en Galicia. Co patrocinio de Samsung, os visitantes puideron acceder a diferentes dispositivos de realidade virtual e vivir experiencias como un percorrido por Chernobyl tras a catástrofe nuclear, unha peza da tradición musical mexicana ou a experiencia transmedia interactiva da serie de RTVE “El ministerio del tiempo”.

Tamén puideron ser os primeiros en ver nas gafas de realidade virtual a serie de fotos en 360º de Pontevedra mesturadas con imaxes en 3D da cidade hai un século, creadas no taller de “VR e patrimonio fotográfico” que se desenvolveu esta semana no TEK-FEST. Estas primeiras fotografías formarán parte do proxecto “PonteVR: unha cidade entre dous séculos”, que aspira a participar en festivais internacionais de realidade virtual.