Obxectivo acadado: Arela abre a porta ao mundo do traballo

Unha actitude praoctiva e colaborativa na procura de emprego. É o común denominador da primeira promoción Arela un dos proxectos deseñados e desenvolvidos pola Concellería de Promoción Económica e da Cidade baixo a marca P-ON co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos que están na busca dun traballo.

A primeira edición do programa Arela, que traballou con 20 persoas, chegou ao fin cunha inserción laboral do 50% dos participantes e cun 15% inmerso en proxectos de emprendemento vencellados ao mundo do deporte, á comercialización de produtos por internet e a actividades e servizos para persoas maiores.

Dos dez participantes que entraron no mundo laboral en calidade de asalariados, oito fixérono con contratos a tempo completo, dun ano de duración e outros dous con contratos indefinidos. Desenvolven ocupacións das áreas de consultoría, atención telefónica, construción, atención á terceira idade, transporte internacional e distribución.

Ao longo de doce semanas os participantes no proxecto Arela- auto nomeados Equipo Raiola- traballaron con dinámicas de grupo e acompañamentos personalizados na potenciación de habilidades como a creatividade e a colaboración ao par tire do principio de que só dende a interacción, o sentimento de equipo e o empoderamento colectivo nacen oportunidades laborais. O Raiola foi por enriba de todo un equipo heteroxéneo no que houbo xente nova e maiores de 40 anos; traballadores en paro, con pouca e con moita expeciencia laboral, e xente sen experiencia no mundo do traballo; persoas con formación básica e titulados universitarios; mulleres e homes.

O proxecto Arela xa ten en carteira a segunda edición. Desenvolverase no segundo semestre do ano. Información na web do Concello www.pontevedra.gal ou da páxina promocion.pontevedra.gal