Peche da tenda efémera: comeza a conta atrás

A Tenda efémera aberta en agosto na rúa Alhóndiga ao abeiro da Sétima Feira ten os días contados. Mañá sábado, 1 de outubro, celebrarase o acto oficial de clausura inda que o peche definitivo botarase o próximo martes, 4 de outubro.

A clausura oficial será na propia Tenda (rúa Alhóndiga, 8) ás 20.00 horas. A Tenda da Gata encargarase do catering. Alí estarán participantes, organizadores e clientes compartindo valoracións, a un lado e outro da experiencia e avaliando suxestións recollidas polos creadores como a proposta repetida de que “sería interesante que houbese un espazo con produtos do mesmo perfil no nadal”.

Os dez creadores que participan na Tenda efémera aproveitarán os derradeiros días de actividade -o que queda até o 4 de outubro ás 14.00 horas- para facer promoción dalgúns produtos con avances de colección e descontos por liquidación. Non serán “rebaixas”, subliñan dende a Tenda, xa que irían á contra dos ciclos de produción e venta dos creadores (limitados) e sería inxusto para todas aquelas persoas que neste tempo apostou pola oferta innovadora e diferente deste espazo comercial ao prezo inicial (xa axustado).

Até o 4 de outubro manterá o horario de sempre: de 12.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas, agás o domingo que estará pechada.

A Tenda efémera da continuidade á Sétima Feira que colleu vacacións de verán, mantendo o seu mesmo espírito: favorecer o encontro de deseñadores de Galiza, mantendo unha vía de comercialización das súas creacións. A iniciativa é froito da colaboración da Concellería de Promoción Económica e da Cidade e a Escola de Deseño e Moda de Pontevedra.

Na Tenda efémera atópanse creacións de: Black Whale Proyect, Super Villano, León La Gata, Doppiache, Xiro, Trigo Po, Green Wal Garden, Albi Castillo, Tom & Boy e Wood Proyects

Os dous meses de vida da Tenda efémera deixa un balance positivo en tanto a afluencia, na que a presenza de turistas e visitantes e as festas xogaron un papel moi positivo no mes de agosto. Creadoras como Olalla Osorio salienta tamén que neste mes que acaba, setembro, houbo unha certa estabilización en canto ao número de visitas e ventas e que a xente empeza a coñecer este espazo creativo e comercial e inclúeo no seu roteiro de compras. Valórase, engade, a orixinalidade da oferta.