Pontevedra, centro da realidade virtual en setembro na primeira edición do Tek-Fest

Hoxe naceu en Pontevedra o Tek Fest, o primeiro Encontro internacional de tecnoloxías emerxentes que se celebrará na cidade do Lérez na semana do 27 de setembro. Na súa presentación a cargo dos concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña, responsables de Promoción da Cidade e Novas Tecnoloxías, asistiron Toño Cabanelas, director e coordinador do proxecto, e Manuel González, director do programa Zoom Net de TVE.

O Tek Fest nace coma unha ponte entre as institucións, as empresas e a cidadanía para democratizar os recursos máis avanzados da cultura dixital: hiperconexión, o big data, a realidade virtual ou a intelixencia artificial, por exemplo. Polo tanto pretende conectar pasado, presente e futuro coa creación de novos soportes para o desenvolvemento de profesións innovadoras, independentes e sustentables, a artesanía dixital.

A gran cita será en setembro. O día 27 haberá unha conferencia inaugural e desenvolveranse obradoiros entre o 28 e setembro e o 1 de outubro. Ademais, durante os meses previos ao evento está previsto celebrar distintos obradoiros para introducirse no Tek Fest que nesta primeira edición abordará a realidade virtual.

Os contidos serán de nivel avanzado e incluirán a presenza de grandes profesionais internacionais do sector (ver dossier), e do uso dos últimos adelantos como cámaras estereoscópicas, sonido binaural en 360º ou gafas e cascos VR.

Pensado para profesionais

Está pensado, principalmente, para profesionais de áreas tecnolóxicas, pero tamén a outros diferentes perfís como xente nativa dixital, curiosas das novas tecnoloxías e tamén a todos os visitantes con gañas de coñecer de primeira man as tecnoloxías que están a cambiar o mundo.

O Tek Fest está concebido como un encontro profesional internacional de tecnoloxía, con profesionais de primeiro nivel que pon ao alcance da cidade coñecementos avanzados, experiencias de profesionais e oportunidades de negocio.

Este evento será moi importante para a cidade de Pontevedra xa que será das cidades pioneiras en desenvolver obradoiros sobre esta tecnoloxía tan innovadora e con tantas aplicacións prácticas: xornalismo, arquitectura, medicina, cine, turismo, comercio electrónico…

Obradoiro inaugural

Na xornada de hoxe Manuel González e Toño Cabanelas impartiron un obradoiro de Comunicación inmersiva na Casa da Luz e pola tarde está prevista unha sesión de traballo do equipo do festival na sede

Ás 20.00 horas está programada a presentación do proxecto ás empresas incluídas no Puntazo. Será na Casa da Luz e convídase á empresa Sal y Laurel (Marín) que presentará a primeira experiencia en realidade virtual que mestura a gastronomía galega e a contorna, adicado nesta primeira ocasión, ao percebe e ao incríble labor dos percebeiros.