Pontevedra homenaxeou o ‘teki’ galego Juan Portela Seijo, inventor do Organ Sound, un dos mellores altofalantes do mundo Pontevedra

«Unha nova forma de escoitar música», iso era o que se propuña o inventor compostelán Juan Portela Seijo (1913-1989), protagonista da primeira “homenaxe aos tekis galegos” que se propón facer o TEK-FEST para reivindicar o talento o culto de pioneiras e pioneiros da tecnoloxía en Galicia. E iso foi o que puido disfrutar o público este xoves no Museo de Pontevedra, co privilexio de poder escoitar o Organ Sound en directo e tamén a súa nova versión, deseñada polo artista Miguel V. Espada.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta mañá a Yago Portela, fillo de Juan Portela Sejo, e á súa neta, Romina Portela, xunto co artista e tecnólogo Miguel Espada, autor do redeseño do Organ Sound, que lle puido ensinar ao alcalde o primeiro exemplar da nova versión do Organ Sound que puideron escoitar en primicia os asistentes ao TEK-FEST.

Este novo Organ Sound ten unha estética máis aproximada ao deseño actual, do mesmo xeito que o altofalante orixinal era consecuente cos gustos da época na que foi creado, 1972. Para isto Miguel Espada investigou e iniciou “un diálogo coa creación orixinal e o seu contexto”, conectándoo con outros deseñadores da época Dieter Rams, que influiu a estética de produtos actuais como os de Apple, baixo a premisa “canto máis simple mellor”. Dese xeito, a investigación de Espada chegou ao deseño e execución unha peza que conectase con distintos tempos e lugares, e que foi a que se presentou este xoves.

Na presentación do Museo de Pontevedra interviron Toño Cabanelas, director do TEK-FEST e impulsor deste proxecto, Romina e Yago Portela e Miguel Espada, para dar paso á primeira escoita colectiva do Organ Sound, tanto do vello como do novo. Sobre os resultados sonoros do novo, Espada afirmou que «non soan igual, eu creo que de feito soan peor, pero non está nada mal”, aínda que de todos xeitos, “no se trata de sonar ben ou mal, trátase de soar con personalidade”.

Na sesión de escoita comparouse o son de distintos altofalantes que hai no mercado co Organ Sound, e o público puido aprezar en qué consiste “soar con personalidade”. A continuación o DJ e periodista Viktor Flores realizou unha sesión de escoita dos seus discos favoritos a través do Organ Sound.

Concerto este sábado nas ruínas de San Domingos

Como peche do TEK-FEST este sábado ás 12:30 o pianista Daniel Ruiz-Cecconello interpretará un repertorio clásico mesturado con electroacústica baseado en Bach, coa inspiración de Wendy Carlos , pioneira da síntese modular dos anos 60. O repertorio incluirá pezas doutros compositores como Scarlatti, Debussy ou Martín Códax. Neste concerto as persoas asistentes poderán disfrutar da capacidade acústica do Organ Sound amplificando música en directo nun lugar tan especial como as Ruínas de San Domingos.

A Mostra de Realidade Virtual e Patrimonio permanecerá aberta ao público durante o sábado de 11h a 14h e de 17h a 21h. A entrada é gratuíta.