Pontus Lupulus, o Festival da Cervexa Artesá, xa está aquí

Pontus Lupulus, Festival de Cervexa Artesá de Pontevedra, estará con nós, no que é a súa egunda edición, do 14 ao 16 de outubro de 2016. A cita será na contorna da Alameda.

A Concellaría de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías, apoia este evento, organizado por Cervexa Faxilda (Vilaboa), como parte da súa aposta polo produto galego gourmet e de calidade. Deste xeito, o Pontus Lupulus enmárcase dentro das actividades previas a Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra.

Os visitantes que se acheguen esta fin de semana ao Pontus Lupulus terán ocasión de gozar de máis de 40 referencias elaboradas polos produtores máis destacados de Galicia como Faxilda, Saramagal, Menduiña, Meiga, Nós e Galponbier (provincia de Pontevedra), Santo Cristo e Áncora dende Ourense, Kel’s dende A Coruña e Cata Craft que virá dende Ponferrada.

O evento contará cunha ampla variedade de oferta gastronómica como acompañamento ás cervexas que virá a cargo da Tenda da Gata, Crep Cabaret, Hamburguesas Gale-Truck e Pizzas Artesanais. O sábado e o domingo haberá ademais un mercadiño de produtores artesanais instalado na entrada do recinto.

Ao lado da oferta gastronómica tamén haberá gran variedade de actividades. Os máis cativos poderán aprender a facer compota e piruletas de mazá coas mozas da Despensa na Terra e escoitar contacontos ou facer manualidades con Pataka Frita Libraría.

Pola súa banda os amantes da cervexa terán a oportunidade de participar en dúas catas organizadas polo Basset Beer Club e Entre Cervezas.

A música será outro dos elementos máis destacados do Festival, pois haberá cinco concertos ao longo da fin de semana máis un taster de Swing impartido pola escola de baile Swing On.

O Festival dará comezo o venres día 14 de outubro ás 17.30h e a clausura será o domingo ás 21 horas após do sorteo dun lote de cervexas.

cartel-pontus-lupulus