Que as terrazas convivan coas persoas, petición dos colectivos de discapacitados

  • A reunión da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, coa federacións
    veciñais pecha a ronda de contactos previa a actualización da ordenanza municipal de
    veladores

“Que os espazos públicos sexan de convivencia”. Foi a principal preocupación e esixencia
amosada polos representantes de Cogami, Amencer-Aspace e ONCE á concelleira de
Promoción Económica e Promoción da Cidade, Anabel Gulías na reunión mantida para
falar da revisión e actualización da ordenanza municipal de veladores. A preocupación é
compartida pola concelleira que subliñou, dende o primeiro momento, a necesidade de
que as terrazas, un activo importante na dinamización da cidade, non entorpeza a
actividade económica doutros sectores e garanta a convivencia coa veciñanza.

Anabel Gulías destacou “o clima positivo e de entendemento” que atopa no distintos
colectivos cos que está a manter encontros para escoitar as súas demandas e recoller
achegas cara a unha posíbel inclusión no novo regulamento. “Todo o mundo está disposto
a ceder e a dar” sinalou a concelleira que ten pendente a reunión cos representantes
veciñais. Será o próximo luns, 15 de maio, ás 18 horas, na Casa da Luz. As citadas son
as federacións de asociacións de veciños Castelao, Teucro e Boa Vila.

Coa xuntanza cos veciños remata a ronda de contactos que incluíu, ademais da reunión
coas organizacións que traballan con persoas con discapacidade, un encontro co sector
da hostalería e outro co do comercio e pymes.

Rematada a ronda, redactarase un borrador de ordenanza municipal de veladores que
será enviado aos colectivos para a súa avaliación.