Realidade virtual e cartografía, apostas da primeira edición do Tek Fest

A primeira edición del TEK-FEST, Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes , celébrase durante toda esta semana en Pontevedra. Baixo o lema #ACidadeDoFuturo, este evento reunirá persoas expertas en deseño, programación, imax, arquitectura, filosofía, moda, educación, social media e arte dixital para compartiren o seu coñecemento sobre as tendencias tecnolóxicas que mellorarán a vida nas cidades no futuro máis próximo. Dous workshops , un Symposium e un Demo Day compoñen as actividades do TEK-FEST, organizado polo Concello de Pontevedra.

O Symposium celebrarase o vindeiro venres 30 de setembro e estará conducido polo xornalista Manuel González , director do programa Zoom Net de TVE. Na xornada participarán referentes do mundo do deseño como Isabel Berz, experta en moda e innovación social, Javier Maseda & Pedro Medina do estudio Sopalmo , Javier Noguerol de CARTO ou Jimena Merino de Bermudas.land , unha das primeiras directoras de arte que traballan en España coa realidade virtual. A eles se uniranse o crítico e comisario de arte José Manuel Costa , codirector do programa Retromanía en Radio 3, canda o VJ Toño Cabanelas , director creativo do TEK-FEST, e mais o ‘artesán dixital’ Miguel Espada , do estudio Espadaysantacruz , que fará unha instalación en vivo titulada “Light Kinetics” .

O TEK-FEST arrinca este martes con dous workshops de realidade virtual e de cartografía de datos , respectivamente. O taller de VR está orientado á captura de vídeo en 360º e de son binaural, e á integración da interacción nas imaxes inmersivas. Impartirao o camarógrafo Antonio Víctor García-Serrano ( Zakato ) xunto ao equipo de Bermudas.Land , recentemente seleccionados no maior showcase internacional de obras en VR, Kaleidoscope VR , polo seu traballo “Fragments” , o primeiro ‘fashion film’ feito en realidade virtual do mundo.

O segundo taller estará dedicado á cartografía dixital urbana, impartido por Javier Noguerol, de CARTO , a empresa española líder en visualización e análise de datos xeolocalizados a nivel mundial. Os participantes aprenderán a usar a ferramenta CARTO Builder para crear mapas interactivos con datos abertos das cidades, analizando e
procesando información en tempo real.

Na tarde do venres e do sábado os visitantes do TEK-FEST poderán achegarse a coñecer de primeira man as últimas tecnoloxías de realidade virtual, como o dispositivo HTC Vive ou a agardada Play Station VR de Sony, que non chegará ao mercado ata finais de
outubro. Os veciños de Pontevedra poderán acceder deste xeito a contidos que só se poden difrutar en VR, incluídas obras en Galicia como a mencionada “Fragments” ou distintas pezas relacionadas coa cidade, o turismo, o patrimonio, a natureza ou a cultura marítima, rodadas no contorno das Rías Baixas polo equipo do TEK-FEST.