Setima Feira

QUE É SÉTIMA FEIRA

Sétima Feira é unha iniciativa promovida dende a Área de Promoción Económica do Concello de Pontevedra.

A idea é revitalizar o mercado e a rúa Serra convertendo a zona nun escenario comercial e cultural onde convivan moda, gastronomía, música, artes plásticas e animación; achegando un espazo a aquelas propostas creativas da cidade que buscan dar a coñecer o seu traballo.

Sétima Feira terá lugar no exterior do mercado de abastos de Pontevedra para a venda de produtos nos que se mesturan tradición e modernidade, asociados a valores como sostibilidade, estética, calidade, identidade e moi bo ambiente.

CANDO E ONDE SE CELEBRA E EN QUE HORARIOS

Sétima Feira celébrase o segundo sábado do mes en horario de 11.00 a 15.00 horas. O lugar de celebración será a zona do mercado de abastos; as actividades infantís realizaranse na planta superior do interior do mercado.

COMO PARTICIPAR EN SÉTIMA FEIRA

  1. Presentación de solicitude
  2. Selección
  3. Publicación admitidos/as
  4. Pago de taxas, presentación de Seguro de Responsabilidade Civil e documentación complementaria
  5. Celebración do mercado

1. PRESENTACIÓN DE SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN ANEXA

Para participar en Sétima Feira é preciso cubrir unha solicitude (unha por cada edición), ben no formulario en liña que atoparás a continuación ou en formato papel. Neste último caso, deberase entregar debidamente cuberto e asinado na oficina técnica do mercado, situada na rúa Serra, nº3. O horario de apertura do local será os mércores, xoves e venres de 10.00 a 13.00 horas. A solicitude deberase entregar nos primeiros vinte días do mes anterior á celebración do mercado. Por exemplo, se se quere participar no mercado de xuño, deberase entregar a solicitude do 1 ao 20 de maio.

OUTROS:

  • A presentación de documentación falsa ou irregular será motivo de exclusión.
  • A autorización para participar no mercado non é transferible, a persoa titular será a responsable de dita autorización.
  • As persoas responsables dos postos tamén son responsables da legalidade da súa xestión (actividade profesional, fiscalidade, contratación, seguridade e hixiene, montaxe, mantemento e funcionamento, etc).
  • Os/as artistas que se presenten poderán facelo en nome propio ou por medio de colectivos, marchantes, intermediarios/as ou representantes.
  • No caso do mercado de arte, entenderase que os/as participantes son autores/as das obras presentadas ou que gozan de todos os dereitos sobre estas e que será súa a responsabilidade de calquera reclamación por parte de terceiras persoas que poida producirse en relación á autoría das obras.


2. SELECCIÓN

Os valores que guiarán a selección de propostas para formar parte do mercado son:

  • Calidade e presentación do produto
  • Idoneidade respecto ao espazo e actividades de Sétima Feira
  • Empregabilidade
  • Proximidade
  • Autenticidade
  • Sostibilidade
  • Identidade

Neste sentido, valorarase que os produtos teñan un elevado compoñente creativo e artístico, pero tamén terán cabida elementos como tradición, a preocupación pola calidade, sostibilidade e, dende logo, a autenticidade do produto e materiais empregados. O número máximo de postos admitidos será de 20, dependendo das dimensións e necesidades específicas de cada un.


3. PUBLICACIÓN DAS PROPOSTAS ADMITIDAS

A listaxe de propostas admitidas será exposta na oficina da SF e a organización enviará un correo electrónico a cada unha das persoas solicitantes.


4. PAGO DE TAXAS, PRESENTACIÓN DE SEGURO DE RESPONSABILIDADE CIVIL E DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA

Os postos admitidos deberán poñerse en contacto coa organización e pagar a cantidade establecida na correspondente ordenanza fiscal dependendo do espazo ocupado, e sempre previamente á instalación do posto. A taxa liquidarase no departamento de Xestión Tributaria do Concello de Pontevedra (rúa Xofre de Tenorio, nº5).

Tamén deberán achegar:

  • Fotocopia do DNI da persoa representante.
  • Listaxe de produtos e prezos.
  • Fotografías dos produtos/obras que se van vender.

No caso dos postos que vendan produtos de alimentación é preciso presentar unha copia dos certificados de manipulación de alimentos de todas as persoas que van atender o posto.

É de obrigado cumprimento para todos os postos do mercado dispoñer dun seguro de responsabilidade civil vixente o día do mercado e que cubra a actividade específica que se vai desenvolver. Deberase entregar á organización copia da póliza e do recibo correspondente.


5. CELEBRACIÓN DO MERCADO

A organización porá á disposición das propostas admitidas a estrutura física necesaria para a colocación dos seus produtos (postos) e colaborará nos labores necesarios para que o Sétima Feira funcione do mellor xeito posible.

Neste sentido, é preciso que as propostas admitidas cumpran as seguintes normas:

  • Non se poderán instalar carpas industriais, toldos ou estruturas que non respecten o criterio estético e a filosofía de Sétima Feira.
  • Os postos de alimentación deberán ocultar e delimitar bombonas, cociñas e calquera outro elemento que resulte perigoso e antiestético.
  • Todos os carteis, prezos e rótulos estarán redactados en galego.
  • A montaxe do mercado comezará ás 9:00 da mañá e deberá estar rematada ás 10.30 h. para poder comezar a actividade do mercado ás 11.00 h. A desmontaxe farase sempre despois das 15.00 h. e deberá ter rematado antes das 17.00 h.
  • Cada participante é responsable da limpeza e da seguridade interna do seu posto e tomará as medidas necesarias para non deixar restos de lixo ou manchas no lugar ocupado.
  • Cada posto de comida deberá contar cun depósito de lixo.
  • Só se poderán vender os produtos que foron autorizados.
  • A listaxe de prezos non se alterará ao longo da duración de Sétima Feira e deberá estar á vista.
  • O persoal do establecemento que estea en contacto cos alimentos debe posuír o certificado de manipulador/a de alimentos, que se presentará xunto coa solicitude.
  • Todos os artigos, aparellos e equipamentos deben ser mantidos limpos e en bo estado de conservación.


O incumprimento de calquera destas normas supón a exclusión inmediata da participación en Sétima Feira.

A organización resérvase o dereito de facer calquera modificación no mercado así como a anulación deste por cuestións de seguridade ou de forza maior.

No caso de que haxa previsión de chuvia, Sétima Feira organizarase na planta superior do mercado de abastos.

A participación no mercado Sétima Feira supón a cesión dos dereitos de difusión, divulgación e comunicación pública á organización deste, co fin exclusivo de publicidade e promoción do mercado ou da feira por medio de catálogos, folletos, páxina web ou calquera outro medio electrónico ou non, polo tempo necesario, nunca máis aló da vida do propio mercado.

As solicitudes de participación no Mercado da Sétima Feira quedan suspendidas ata novo aviso.