TEK FEST, as tecnoloxías do futuro desembarcan na cidade

Tecnoloxías como obigdata, a realidade virtual, a arte dixital ou as cartografía urbanas serán as protagonistas da I edición do TEK-FEST, Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que se celebrará do 27 de setembro ao 1 de outubro en Pontevedra.  Baixo o lema #ACidadeDoFuturo, o encontro pretende “situar a Pontevedra no mapa das novas tecnoloxías e fomentar o emprego destas tecnoloxías para mellorar o mundo”, sinala a  concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, ao lado do director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, na presentación dos contidos e programación do evento.

Cabanelas destacou a presenza de expertos, tecnólogos e artistas “de calado internacional” como Miguel Espada de EspadaySantaCruz, un dos mellores estudos creativos de arte dixital, que realizará no Pazo da Cultura o 30 de setembro unha instalación interactiva feita con bombillas incandescentes, baseada no proxecto “Light Kinetics” que presentou  no MOMA de Nova York. A instalación -unha obra de arte efémera que só se poderá ver ese día no TEK-FEST e que está inspirada na ponte do Burgo-será aberta a todos os veciños da cidade, visitantes e participantes nas actividades do TEK-FEST, xunto cunha performance sonora a cargo do crítico de arte José Manuel Costa, do programa Retromanía que fará un percorrido pola historia dos soportes sonoros ao longo do século XX e como foron modificando o comportamento das persoas nas cidades.

Anabel Gulías salienta a unión entre tecnoloxía e música, como exemplo da visión que o TEK-FEST quere amosar, a posibilidade de mellorar a vida da cidadanía a través da información, a educación, o turismo ou a industria. Detallouno Toño Cabanelas ao falar do Symposium do 30 de setembro, no que persoas relevantes da filosofía, deseño, moda, a programación e a música reflexionarán sobre “a cidade do futuro” no entorno dixital. Como mestre de cerimonias estará o xornalista Manuel González, director do programa Zoom Net.

A conferencia inaugural do Symposium correrá a cargo do filósofo Pedro Medina e o deseñador Javier Maseda, do estudio Sopalmo, que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro. Tras eles intervirá a deseñadora Isabel Berz, unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e proxectos sociais, que falará sobre “A nova educación: cara a un novo modelo baseado na innovación e na investigación”. Javier Noguerol de CARTO achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado coas cidades, e Jimena Merino, unha das primeiras directoras artísticas de VR que hai no Estado, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva a través do seu uso nas redes sociais.

A Playstation VR de Sony no TEK-FEST

O TEK-FEST ofrecerá a posibilidade de probar de primeira man moitas das tecnoloxías de realidade virtual máis avanzadas, mesmo algunhas que aínda non están no mercado, como a consola en realidade virtual de Sony, a PlayStation VR, que revolucionará o mundo dos videoxogos con entornos inmersivos en 360º. Para probar esta consola e outros gadgets como as gafas de VR interactiva HTC Vive ou os últimos modelos desenvolvidos por marcas como Samsung, os interesados poderán achegarse o 30 de setembro pola tarde ao Pazo da Cultura ou o 1 de outubro durante todo o día até a Casa da luz.

Nese “demo day” o público poderá gozar de diversos contidos en realidade virtual creados en Galicia por Bermudas Land, como o “fashion film” Fragments, e outras pezas realizadas na contorna de Pontevedra, pensadas para a promoción económica e turística da cidade e para a súa difusión no circuito da VR internacional. Un paquete de contidos co que moi poucas cidades europeas contan e que posicionará a capital pontevedresa á cabeza das cidades innovadoras na difusión do seu urbanismo e patrimonio en realidade virtual.

Obradoiros de mapas de datos e realidade virtual

A inscrición para os workshops do TEK-FEST está aberta até o 20 de setembro. Son dous workshops de 12 horas que se celebrarán ao tempo durante tres días, do 27 ao 29 de setembro. O primeiro é “VR 360: Audio, Video & Programming” impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores camarógrafos 360º a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land, pioneiros da VR en España con sede en Galicia e Madrid. Xuntos veñen de ser seleccionados pola prestixiosa mostra Kaleidoscope pola súa obra “Fragments” realizada en 2015 na Illa de San Simón e considerado o primeiro “fashion film’”en realidade virtual en todo o mundo. A peza poderá verse en San Francisco (USA) o 30 de setembro, data na que se conectará dende o TEK-FEST en directo para presenzar ese gran fito da VR en España.

O segundo obradoiro é “Carto: Location Intellingence”, impartido por Javier Noguerol, responsábel de intelixencia de produto de CARTO, unha empresa con sede en Madrid que é das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados. Neste obradoiro os participantes crearán os seus propios mapas interactivos da cidade de Pontevedra a partir de datos abertos relacionados co medio ambiente e o gasto enerxético, e aprenderán a usar esta tecnoloxía a través da ferramenta CARTO Builder, pensada para deseñadores, xornalistas e perfís profesionais que traballan con datos pero sen precisar saber programación.

Os dous workshops de tres días teñen un número reducido de prazas, polo que as persoas interesadas deberán facer a súa inscrición antes do 20 de setembro na web do TEK-FEST. A matrícula custa 300€ e formalizarase logo dun proceso de selección entre os aspirantes a participar.

Para o simposio, que será a xornada de conferencias do día 30 de setembro, as entradas están á venda a un prezo de 30 €. As actividades do venres pola tarde e do sábado todo o día son de entrada libre.

Máis información, horarios e inscricións na web: http://tek-fest.com/