TEK-FEST reflexionará sobre “a cidade do futuro” a través da realidade virtual ou a cartografía dixital urbana

  • Ábrese a convocatoria de inscricións para este encontro internacional, que incluirá dous
    workshops profesionais e varias conferencias, instalacións e performances.
  • Nomes como Miguel Espada, Isabel Berz, Zakato ou José Manuel Costa e proxectos como
    CARTO, Sopalmo ou Bermudas Land compoñen o cartel desta edición.

O TEK-FEST, I Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que se celebrará en Pontevedra a finais de setembro, vén de desvelar a súa programación e de abrir as convocatorias e inscricións a todas as persoas que queiran participar. Durante 5 días a capital pontevedresa acollerá profesionais e expertos recoñecidos a nivel internacional que compartirán o seu coñecemento sobre a realidade virtual, o big data e a cartografía urbana, a artesanía dixital ou a comunicación inmersiva nas redes sociais, ao tempo que reflexionarán sobre os escenarios de futuro que nos presenta a vida urbana no século XXI.

O programa componse de dous workshops de 12 horas que se celebrarán simultaneamente durante 3 días, do 27 ao 29 de setembro. O primeiro deles titúlase “VR 360: Audio, Video & Programming” e pretende introducir os partipantes na captura e edición de imaxe inmersiva en 360º, tanto para fotografía como para vídeo, así como no audio binaural, fundamental para lograr unha experiencia inmersiva, e nas ferramentas de software que permiten introducir elementos de interacción na realidade virtual. Estará impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores camarógrafos 360 a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land , pioneiros da VR en España con sede en Galicia e Madrid.

O segundo taller leva por título “Carto: Location Intellingence” e estará impartido por Javier Noguerol, responsábel de intelixencia de produto de CARTO, unha empresa con sede en Madrid que é das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados. Neste obradoiro os asistentes poderán aprender en qué consiste a análise de datos xeoespacial e como as cidades máis innovadoras do mundo están a usalo para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Tamén aprenderán de forma práctica a facer esta análise de datos no seu propio contorno usando Builder, unha ferramenta de location intelligence para non programadores.

“Escenarios de futuro: da metrópole á cidade dixital”
Con este título abrirá o simposio do TEK-FEST o 30 de setembro a conferencia inaugural a cargo do filósofo Pedro Medina e o deseñador Javier Maseda, do estudio Sopalmo, que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro. Tras eles intervirá a deseñadora Isabel Berz , unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e proxectos sociais, que falará sobre “A nova educación: cara a un novo modelo baseado na innovación e na investigación”. Javier Noguerol de CARTO achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado coas cidades, e Jimena Merino , unha das primeiras directoras artísticas de VR que hai en España, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva a través do seu uso nas redes sociais, con exemplos prácticos.

Nesta xornada haberá espazo para as propostas máis experimentais como unha instalación urbana realizada por Miguel Espada, de Espada & Santacruz, un dos estudios españois máis destacados no terreo da arte dixital e as instalacións interactivas, ou unha performance sonora sobre a evolución dos soportes acústicos conducida por José Manuel Costa, crítico e comisario de arte, e un dos condutores do programa Retromanía de Radio 3, acompañado de Toño Cabanelas , enxeñeiro audiovisual, DJ e VJ, e director artístico do TEK-FEST.

Como fin de festa, o sábado 1 de outubro o ‘Demo Day’ mostrará de forma aberta a todo o público que se achegue a Pontevedra os resultados destes 5 días de encontro e intercambio de coñecemento, ferramentas e experimentos na cidade. Aberta a preinscrición para os obradoiros e a matrícula no simposio

Os dous workshops de 3 días teñen un número reducido de prazas, polo que as persoas interesadas deberán facer a súa inscrición antes do 21 de agosto na web do TEK FEST. A matrícula custa 300€ e formalizarase logo dun proceso de selección entre os aspirantes a participar.

Para o simposio, que será a xornada de conferencias do día 30 de setembro, a inscrición abrirase nos vindeiros días.

Máis información e inscricións na nosa web: http://tek-fest.com/