Todos os postos do Mercado de Abastos xa están na planta baixa

  • O Concello agarda a autorización de gasto de Facenda dos Fondos FEDER para poder adxudicar o proxecto de reforma da planta superior.
  • Mentres, traballa na elaboración do regulamento das bases de concesión dos novos postos na planta superior.

O Concello de Pontevedra está a trasladar nestes días os postos de froita, pementos e ultramarinos da planta superior do Mercado á planta baixa. Así o confirmou esta mañá a concelleira responsable de Mercados, Anabel Gulías, quen sinalou que a medida que se está realizando a baixada tamén se axustan pequenos detalles dos distintos postos para que poidan estar operativos o antes posible.

Os dous postos de froitas instaláronse no paseo central de entrada ao Mercado e o ultramarino e as pementeiras en casetas que estaban valeiras, á man dereita da praza.

A concelleira aclarou que este paso é “simbólico” pero fundamental para desatrancar o destino do Mercado de Abastos co obxectivo de revitalizalo, e confirmou que todos estes movementos que se iniciaron coa aprobación do regulamento do Mercado impulsado polo concelleiro Vicente García Legísima, supuxeron moito máis tempo do que a ela lle tivese gustado dado que as negociacións no Mercado de Abastos “sempre son complexas”.

Aínda que recoñeceu que houbo as queixas habituais por parte dos usuarios, tamén confirmou que recibiu moitas chamadas doutros moitos que aplaudiron esta decisión e amosáronse contentos porque todos os servizos da praza estean xuntos.

De todos os xeitos, Anabel Gulías adiantou esta mañá que o Concello manterá unha reunión cos concesionarios do Mercado o vindeiro luns, 16 de xuño.

Na planta superior só quedan os dous bares do Mercado, xa que provisionalmente tamén baixou o posto de agricultura ecolóxica mentres non se acondicione a planta superior. Sobre estas obras, o Concello está á espera de que o Ministerio de Facenda autorice o gasto dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra para poder adxudicar definitivamente o proxecto de reforma da primeira planta, que nunca empezaría antes do mes de setembro, segundo pactou a concelleira cos concesionarios dos bares.

Mentres, o Concello traballa na elaboración do regulamento de bases que rexerá o concurso para adxudicar os postos na planta superior.