Último día da feira Etiqueta Negra Gourmet

A terceira e última xornada da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora dará comezo ás 11:00h no Anfiteatro Mahou co relatorio “O mundo do café, últimas tendencias”, no que Sofía Prieto, barista e Q Grader en Mafari Café, desenvolverá un percorrido xeral polo mundo do café (zonas de cultivo, variedades e procesos de elaboración, principais zonas produtivas), ademais de explicar a importancia dun bo café expreso, pautas para a súa correcta elaboración e últimas tendencias no consumo de cafés especializados.

Máis de 600 alumnos de centros de ensino de hostelaría, gastronomía, cociña e dietética confirmaron a súa asistencia á feira Etiqueta Negra, procedentes de lugares de toda Galicia como Ribeira, Santiago, Vigo, Ourense, Redondela…, así como do CIFP Carlos Oroza. Precisamente, o centro de formación pontevedrés desenvolverá ás 11:30 h na Zona de Catas Tawi un baseado no seu proxecto de innovación sobre novos usos culinarios da lapa e da camelia, con maridaxe de pans. A lapa en cebiche, en paté e en conserva, así como follas fritas de camelia con chantillí, nigiri de vieira con aceite de camelia e un cóctel son as innovadoras receitas que amosarán aos profesionais da hostelaría.

Baixo o patrocinio da Mancomunidade do Salnés, o alumnado de cociña e sala do Obradoiro de Emprego “Hostalería do Salnés 8” presentarase ás 12:30 h no Anfiteatro Mahou cunha proposta culinaria na que os produtos do Salnés serán os protagonistas. Ensalada de navalla con mango e vinagreta de framboesa, empanada de pasta filo de polbo con queixo Arzúa-Ulloa, e zamburiña en crocante de pan de millo con compota de cebola son as elaboracións que cociñarán e servirán en directo, con maridaxe de viños da D.O. Rías Baixas.

Ás 17:00 h, Alfonso Torrente Solana, enólogo, viticultor de Envínate e campión mundial de cata de viños a cegas 2015, explicará que os viños brancos, lonxe de estropearse co tempo, tamén envellecen ben e realizá unha cata comentada de viños (para máximo 20 persoas) na que un caldo portugués, un alemán e un borgoña se medirán cos nosos Rías Baixas.
Diego López, chef de La Molinera de Lalín, porá o broche de ouro a Etiqueta Negra cun showcooking ás 18:00 h sobre “A cociña do interior: produto e identidade”. O premiado Mellor Cociñeiro Galego do ano 2014 fará un repaso polos pratos do seu restaurante, interpretando a cociña tradicional da súa terra de forma innovadora e poñendo en valor a figura do produtor que grazas os seus produtos singulares e auténticos chegan tamén a influír no resultado final para o comensal.

Outros espazos

Por outra banda, a Zona de Catas Tawi acollerá unha cata fría de atún en dúas elaboracións

elaborada por Guillermo Vidal, chef de El Viajero del Norte, así como degustacións de fabas de Lourenzá; dos menús Yatecomeré; de marmelada, licor e cervexa de Sabugueiro da man de Carabuñas; de xeado artesán Borboriño; de marmeladas Amorodo, e máis unha cata de cervexa Faxilda e Menduiña. Unha master class sobre esferificacións de piña colada e mojito a cargo de El Mono con Sombrero pechará as actividades desenvolvidas neste espazo.
A tetería da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, desenvolverá os últimos dous obradoiros de té (ás 13:00 e ás 17:00 h), a cargo de Carlos Riaño, para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado do té galego. E tamén no stand de Mahou, poderase asistir a cursos de tiraxe de cañas ás 12:30, ás 13:30, ás 17:00, ás 18:00 e ás 20:00 horas.

Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición conta ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza e Gadis.