Unha exposición amosa as 36 empresas que participan de Pontevedra ten un puntazo

Continuar na labor de visibilización e promoción dasempresas pontevedresas que desenvolven a súa actividade no ámbito cultural e creativo foi o obxectivo da nova xornada do programa Pontevedra ten un Puntazo. A cita foi na Casa da Luz.

O alcalde Miguel Fernández Lores foi o encargado de inaugurar unha exposición e presentación do catálogo que conta coa participación de 36 empresas do programa e que ten como finalidade achegar ao público pontevedrés a actividade que desenvolven cada unha delas. Algunha delas recén creadas, outras cunha longa traxectoria, outras que deciden mudar a súa oferta e outras que descobren na nosa cidade o sitio perfecto para traballar. Estas empresas son moi importantes para a cidade, xa que non só xeran e producen emprego senón porque os resultados da súa actividade deixan unha impronta positiva en Pontevedra como é o beneficio colectivo.

Estivo acompañado por Ana Seoane, deseñadora da exposición e do catálogo, así como por Ana Gulías e Anxos Riveiro, concelleiras de Promoción Económica e da Cidade e de Cultura e responsables da posta en marcha do programa Pontevedra ten un Puntazo. Esta exposición estará aberta ao público ata o vindeiro luns 15 de febreiro na planta baixa da Casa da Luz.

Previamente a este acto celebrouse unha reunión do foro de empresas que forman parte do programa para traballar conxuntamente nas propostas formativas e próximas accións de difusión cara o exterior a desenvolver durante 2016.

Pontevedra ten un puntazo é un programa das áreas de Promoción Económica e Cultura para a conexión e posta en valor e promoción das empresas locais que traballan no eido da cultura e da creación.

“Pontevedra é unha cidade alternativa, dinámica e innovadora en nela medran diferentes fenómenos empresarias e comerciais que tamén retratan a nosa singularidade” mantén a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías