Valentina Bouzada e Mario Díaz, premiados na convocatoria de Espazo Creactivo

A convocatoria de ideas “Espazo Creactivo”, destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio sito na Rúa Santa Clara xa ten proxectos seleccionados para a súa mellora.

A Convocatoria Espazo CreActivo é unha iniciativa proposta dende Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; unha convocatoria de ideas que nace co obxectivo de unir e enriquecer ós participantes e ó tecido emprendedor da propia cidade.

Un total de 21 proxectos foron presentados a través da plataforma dixital habilitada ao efecto dentro da páxina web do Concello de Pontevedra. As aportacións foron heteroxéneas e tanto Concello como Univesidade queren agradecer aos alumnos a súa alta participación e a alta calidade de todos os proxectos.

Os gañadores foron Valentina Bouzada na categoría de Comunicación e Identidade Gráfica do Espazo e Mario Díaz (Arze) na categoría de Humanización, a categoría de contido creativo quedou deserta. O xurado quixo otorgar unha “mención especial a “EnPezas”.

O proxecto de Valentina consite nun manual de identidade gráfica e comunicación orientado cara ás ideas e ao nacemento das mesmas, perfectamente plasmado na imaxe creada. A proposta de Mario Díaz fai referencia á historia da cidade nun mural que ocuparía toda a fachada do edificio.

As ideas participantes na convocatoria foron valoradas por un xurado independente, conformado por Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Antón Prieto por parte do Concello de Pontevedra; Alberto Dafonte, membro do persoal docente da Universidade de Vigo e Elisa Díaz e María Novas, como arquitectas e profesionais no campo da dinamización de espazos colectivos de traballo.

Tras ser premiada a súa idea e recibir esta tarde a certificación da decisión do xurado, agora comeza unha nova fase na que se selecionarán as empresas que mellor se adapten ao proxectos gañadores. Estas, selecionadas entre as empresas do “Puntazo” acompañarán a Bouzada e Arze no deseño final e implementación das súas ideas, así como concreción de orzamento e materiais finais.

Máis aló do premio, Bouzada e Arze poñen tamén de relevo a posibilidade que esta iniciativa lles outorga de ver as súas ideas transformadas nunha realidade, nunha segunda fase que levarán a cabo baixo a coordinación das empresas do programa “Pontevedra ten un puntazo”. “A verdade é que poder ver materializado un traballo propio e levalo a cabo da man dunha empresa do sector paréceme unha moi boa oportunidade para adquirir experiencia no mundo da publicidade, de dar un paso adiante nada máis rematar a carreira”, salienta Bouzada, dunha iniciativa da que

salienta o que engade ao seu currículo, así como a posibilidade que outorgou ao alumnado do campus de “demostrar a súa valía”.

Aínda que conta xa con anos de experiencia no ámbito do chamado street art, Arze salienta tamén como “un novo reto, no que porei todo o empeño posible”, a posibilidade de trasladar o seu mural á fachada do edificio municipal. “Polas súas dimensións, localización e polo feito de realizalo cun equipo de profesionais é algo emocionante”, recoñece este alumno, que destaca tamén que esta iniciativa se dirixise ao alumnado do campus como “unha maneira de involucrar e vincular ás novas xeracións na construción da propia cidade”.

A concelleira, Anabel gulías, precursora da convocatoria quixo destacar o “longo percorido desta convocatoria, que comeza dende a base de calquera proxecto que é a participación e que vai a continuar coa integración, e de ahí cara adiante, contando sempre coa Universidade, unha institución tan relevante na cidade de Pontevedra”

Juan Manuel Corbacho, vicerreítor do Campus de Pontevedra, tamén destacou a sintonía entre Concello e Universidade, e referíndose aos premiados, destacou a casualidade de que a gañadora, Valentina Bouzada, poña o broche de ouro á súa andaina como estudante no Campus gañando este premio, xa que se gradua este ano, e que no caso de Mario Díaz o gañe nada máis chegar a este Campus, unha gran benvida, xa que é o seu primeiro ano como estudante de Belas Artes.